PARQUES E XARDÍNS

Parques e Xardíns renova a certificación EMAS, que recoñece a xestión ambiental do Concello

11/06/2020 O Departamento de Parques e Xardíns do Concello de Santiago de Compostela renovou, un ano máis, a declaración ambiental positiva conforme aos requisitos do regulamento de certificación EMAS, un dos máis esixentes a nivel mundial. Este sistema promove a mellora continua do comportamento ambiental, a súa avaliación sistemática, periódica e obxectiva, a información ao público e ás partes interesadas e a formación e a implicación activa dos traballadores e traballadoras. Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, trátase dunha validación importante, porque "o deseño e xestión das zonas verdes urbanas incide directamente no obxectivo de ter unhas cidades sostibles e, indirectamente, na mellora da saúde e do benestar da poboación.

Na rolda de prensa na que se deu conta da renovación desta certificación medioambiental, a concelleira destacou que a recente situación de confinamento non fixo máis que pór en valor os servizos que prestan as zonas verdes nas cidades, e "no caso do noso Concello sitúanos nunha posición de privilexio". Mila Castro lembrou que Santiago de Compostela conta con máis de 2.500.000 metros cadrados de superficie de espazos verdes, con máis de 280 zonas diferenciadas, o que supón máis de 24 metros cadrados por habitante. Para a responsable de Medio Ambiente, "os beneficios que reporta isto son innegables, pero tamén é innegable que o seu mantemento e xestión implica un uso de recursos limitados, tales como a auga, os fertilizantes ou os abonos".

O resultado do uso que o Concello fai destes recursos pódese ver, sinalou Mila Castro, nesa declaración ambiental, que "se pon a disposición da cidadanía nun exercicio de transparencia", para que sirva como instrumento para "coñecer e valorar as zonas verdes de Santiago, un elemento máis da singularidade da nosa cidade". A concelleira rematou a súa intervención agradecendo o labor do persoal de Parques e Xardíns.

Durante a súa comparecencia, Mila Castro estivo acompañada polo auditor externo e director da Rexión Atlántica de AENOR, empresa que dende 2008 certifica esta declaración ambiental. Martín Pita destacou a importancia da renovación, tendo en conta, sinalou, que EMAS é un regulamento de referencia medioambiental voluntario, e un dos máis rigorosos e estritos do mundo, "cun alto nivel de esixencia e un alto nivel de xestión". En España, explicou, só hai 16 entidades da Administración pública certificadas con esta distinción, catro delas en Galicia; o que segundo Martín Pita, "pon en valor o traballo do Concello de Santiago en medio ambiente".

Tamén estaba presente na rolda de prensa Santiago Cristín, auditor interno da Empresa Galega de Xestión Ambiental. Cristín convidou a cidadanía a consultar a declaración, na que –explicou- pódese comprobar que "a xestión ambiental funciona. Se miramos as cifras, vemos que o consumo de auga no último ano é un 18% menor co promedio dos últimos anos". Isto significa, engadiu, un aforro de millóns e millóns de litros. Estas cifras, que se repiten noutros consumos, son unha mostra de que "é posible manter un servizo reducindo os seus impactos ambientais".

Política ambiental
A política medioambiental do Concello de Santiago baséase nos seguintes puntos:

- Asumir os compromisos de mellora continua e prevención da contaminación, no desenvolvemento das nosas actividades de modo que se minimicen os impactos ambientais e establecendo obxectivos e metas ambientais que o garantan.

- Garantir o uso racional dos recursos naturais, previr a contaminación e protexer o medio ambiente, mediante a aplicación de programas ambientais e a implantación das medidas necesarias para reducir os efectos ambientais directos e indirectos xerados e minimizar os riscos ambientais asociados.

- Considerar os intereses, valores e necesidades da cidadanía á hora de planificar e xestionar as zonas verdes fomentando a participación cidadá e o coñecemento dos valores ambientais de Santiago de Compostela.

- Asegurar o cumprimento da lexislación vixente e vinculante de carácter ambiental e doutros requisitos non legais aos que o departamento de Parques e Xardíns sométase, en todas as súas actividades e instalacións.

- Comunicar a política a todo o persoal do Departamento de Parques e Xardíns e posta a disposición do público en xeral.

- Formar, sensibilizar e involucrar en materia ambiental ao persoal, atendendo ao seu nivel de responsabilidade e á actividade desenvolvida, proporcionándolle os coñecementos precisos e os medios técnicos que permitan a implantación e a observancia de boas prácticas ambientais.

- Trasladar aos contratistas e provedores os principios asumidos de mellora continua, prevención da contaminación, cumprimento da lexislación vixente, comunicación e sensibilización, así como difundir e poñer a disposición da cidadanía os principios xerais da xestión ambiental municipal.

EMAS
O EMAS (do inglés Eco-Management and Audit Scheme - Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría) é unha ferramenta de xestión ambiental que emana da normativa voluntaria da Unión Europea, que recoñece a aquelas entidades que implantaron un SGMA (Sistema de Xestión Medioambiental) e adquiriron un compromiso de mellora continua, verificado mediante auditorías independentes. Cando se puxo en marcha no Concello, en 2008, optouse pola área de Parques e Xardíns, posto que a empresa que xestiona o servizo xa conta á súa vez con certificación ISO 14001.

Compartir: