EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música presenta nas redes sociais a súa versión de "Libertango", de Astor Piazzolla

09/06/2020 A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela acaba de subir ás súas redes sociais unha composición que recompila as gravacións individuais que o alumnado da Orquestra da EMM foi enviando ao seu director, Fernando Rey. A peza elixida para este proxecto, "Libertango", de Astor Piazzolla, formaba parte do programa interpretativo previo á pandemia, pero seguiuse traballando sobre ela nestes meses. Este tango é unha aclamación pola liberdade musical e pola creatividade.

No marco do contexto actual do Estado de Alarma provocado pola incidencia da COVID-19, a Escola Municipal de Música adoptou todo tipo de medidas que permitiron e están permitindo o desenvolvemento da actividade docente e o normal funcionamento da Escola, co obxectivo de dar o mellor servizo posible aos usuarios e usuarias durante estes meses. A formación presencial foi substituída pola telemática mediante o uso das novas tecnoloxías e o emprego das videochamadas. Froito do traballo e do esforzo desenvolvido polo profesorado e as familias usuarias naceron varias iniciativas, entre elas o vídeo coa versión de "Libertango" que se presenta agora nas redes sociais.

A Orquestra da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela está formada por 35 músicos. Forma parte dunha ampla oferta de agrupacións instrumentais e non instrumentais, nas que a EMM basea a súa oferta educativa. Ademais da citada orquestra, conta coa Orquestriña, con 17 compoñentes; a Bandiña, con 37 compoñentes; a Banda, con 45 músicos/as: o Coro de Infantil e Xuvenil, con 58 rapaces e rapazas; o Coro de Adultos/as, con máis de 55 compoñentes; a Agrupación de Música Tradicional, con 30 compoñentes; e o Combo de Música Moderna.

Compartir: