IGUALDADE

A Concellaría de Igualdade colabora un ano máis co Verán CampUSC, que vén de abrir a súa inscrición

09/06/2020 Acaba de abrirse o prazo de inscrición dunha nova edición do Verán CampUSC, que organiza a USC e que un ano máis conta coa colaboración da Concellaría de Igualdade. O programa está dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 17 anos, que serán organizados/as en grupos reducidos nos que se fomentarán as actividades ao aire libre baixo estritas medidas de seguridade por mor da COVID-19.

A primeira quenda do Verán CampUSC 2020 botará a andar o vindeiro 22 de xuño baixo estritos protocolos de hixiene e prevención por mor da crise da COVID-19. Neste senso, as bases da edición deste ano conteñen un plan de adecuación que contempla, entre outras medidas, o subministro de xabón e xel hidroalcólico aos participantes, así como que os rapaces e rapazas maiores de 6 anos leven a súa propia máscara facial; ademais de que os menores de 6 anos tamén a leven.

Ao alumnado asignaráselle un monitor ou monitora responsable por grupo que velará polo respecto das medidas de distanciamento interpersoal e evitará aglomeracións. Aqueles/as participantes ou as súas familias que incumpran as normas establecidas relativas ás medidas de protección ante a COVID-19 serán expulsados da actividade.

O Verán CampUSC 2020 está dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 17 anos. Priorizaranse, sempre que sexa posible, as actividades ao aire libre. De non ser posible, cada grupo contará cunha sala ou instalación propia. En todo caso, os espazos pechados que se utilicen serán amplos e estarán ben ventilados.

Admisión
Este campus de verán está estruturado en cinco quendas dotadas con 120 prazas cada unha. A admisión no Verán CampUSC 2020 realizarase este ano por rigorosa orde de chegada das inscricións totalmente formalizadas, isto é, formulario cuberto e o pago realizado, tendo en conta que unha porcentaxe das prazas está reservada para fillos e fillas de membros da comunidade universitaria.

O programa terá lugar de luns a venres, agás festivos, de 08:45 a 14:45 horas, polo que a responsabilidade do control e coidado dos/das participantes polos monitores e monitoras responsables comprenderá esa franxa horaria.

Direccións relacionadas



Compartir: