ALCALDÍA E TURISMO

A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 avaliou a reactivación do Camiño de Santiago de xeito coordinado e progresivo

09/06/2020 A reactivación do Camiño de Santiago levarase a cabo dun xeito coordinado e progresivo. Así se concretou hoxe na reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, onde o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Igrexa compostelá acordaron compaxinar a reapertura dos albergues da rede pública, da Catedral e do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino a partir do vindeiro 1 de xullo, establecendo así unha data efectiva do reinicio da peregrinación xacobea. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo e delegado do Ano Santo 2021, Sindo Guinarte, participaron na xuntanza.

Aínda que nestes momentos a entrada na fase 3 posibilita os desprazamentos entre as distintas provincias galegas, os/as asistentes coincidiron en trasladar unha mensaxe de prudencia para que os/as peregrinos/as poidan planificar a súa volta ao Camiño, ao tempo que os concellos polos que discorre e as empresas e profesionais que traballan ao seu carón vaian retomando a súa actividade.

Os membros da Comisión subliñaron a importancia dunha recuperación do Camiño segura e pautada, respectando as medidas de seguridade sanitaria e atendendo ás condicións de mobilidade que se establezan. Con este obxectivo, a Xunta está elaborando un manual preventivo para o Camiño, a falta da súa validación definitiva por parte das autoridades sanitarias. Elaborado en coordinación co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), servirá como protocolo integral de actuación nos itinerarios xacobeos, agrupando nun único documento medidas e recomendacións nos diferentes servizos e infraestruturas que o peregrino atopa ao longo do Camiño. Este documento, desenvolvido a iniciativa de Galicia, foi xa posto a disposición do resto de comunidades autónomas no Consejo Jacobeo.

A celebración do Xacobeo 2021 foi outro dos temas abordados na Comisión Organizadora. Así, abordáronse as primeiras recomendacións por parte do grupo de traballo creado para a súa redefinición, conformado por representantes das administracións xestoras do Camiño, das asociacións de amigos, dos sectores cultural e turístico, da Igrexa ou do eido académico e investigador. Con obxectivos pautados a curto e a longo prazo, as súas achegas serán tidas en conta tanto na reactivación do Camiño como na devandita redefinición, apostando pola seguridade, a sustentabilidade e a dixitalización.

As súas propostas están pensadas para aproveitar a oportunidade do Xacobeo 2021 como proxecto de país e con dimensión internacional, que permita axudar a reactivar a economía e o emprego non só na cultura e turismo, senón tamén noutros sectores.

Compartir: