ACCIÓN CULTURAL

Ábrese o prazo de solicitude de subvencións para asociacións culturais

08/06/2020 O Boletín Oficial da Provincia publica este luns as bases da convocatoria de subvencións para asociacións culturais correspondentes ao exercicio 2020. O prazo de solicitude é dun mes a contar dende mañá martes, 9 de xuño.

Estas axudas, destinadas a asociacións culturais, van dirixidas á promoción de procesos e actividades culturais e artísticas de amplo espectro orientadas a todo tipo de públicos e idades relacionadas coas música, teatro, exposicións, cine, fotografía, conferencias, performances ou, en xeral, calquera acción cultural ou artística.

Destínase a esta convocatoria un importe global de 50.000 euros. A contía máxima da subvención por cada solicitante será de 5.000 euros e permitirá cubrir ata o 80% do gasto comprometido.

Para acceder a estas subvencións, as actividades culturais deben executarse en Santiago de Compostela, entre o 1 de xaneiro e o 18 de outubro de 2020, e ser abertas ao público. Non serán subvencionables as actividades gastronómicas nin os cursos formativos.

Estas axudas servirán para afrontar tanto custos de persoal como materiais, incluídos gastos de aloxamento, desprazamento e manutención, cos límites que marca a convocatoria.

Direccións relacionadas



Compartir: