ACCIÓN CULTURAL

Aberto o prazo de presentación de axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional

06/06/2020 Ata o 6 de xullo permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes para optar ás axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional, convocadas polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Acción Cultural. Esta convocatoria de subvencións, ás que se destinan 100.000 euros, ten por obxecto o fomento das actividades culturais organizadas polas persoas e entidades dedicadas profesionalmente á produción de actividades culturais e artísticas durante o ano 2020.

O importe global do crédito destinado a financiar estas axudas é de 100.000 euros, e a contía máxima que se concederá a cada solicitante será dun máximo de 15.000 euros, e en ningún caso excederá do 80% do orzamento da actividade, excluído o IVE.

As actividades subvencionables son todas aquelas que teñan carácter cultural; que se executen dentro do termo municipal de Santiago de Compostela; que sexan abertas ao público e que beneficien colectividades xenéricas de persoas e non estean destinadas exclusivamente a persoas socias, partícipes ou clientes da/do solicitante. Non serán subvencionables as actividades gastronómicas nin os cursos formativos.

As actividades subvencionadas deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 18 de outubro de 2020. O prazo de presentación remata o 6 de xullo. As solicitudes presentaranse no Rexistro do Concello de Santiago de Compostela ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de xustificación das actividades subvencionadas establécese do 1 ao 30 de outubro de 2020.

Direccións relacionadas



Compartir: