EDUSI

Últimos días para a presentación de ofertas para os traballos de sondaxe e de acondicionamento interior do Castelo da Rocha Forte

05/06/2020 Continúa aberto o procedemento de licitación de dúas actuacións no Castelo da Rocha Forte: un para a realización de sondaxes arqueolóxicas e outro para o acondicionamento interior do xacemento. A primeira ten como data límite o 11 de xuño, mentres que a segunda remata o prazo de presentación de ofertas o 18 de xuño. Ambas operacións forman parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI) do Concello de Santiago, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A intervención para as sondaxes valorativas está asociada ao proxecto de acondicionamento exterior do Castelo da Rocha Forte e conta cun orzamento de 24.956,20 € (sen IVE). Os traballos consisten na investigación arqueolóxica do exterior do castelo de forma previa á execución das obras de acondicionamento: aparcadoiro, accesos, torre miradoiro, etc. En decembro de 2019 foi realizada unha prospeccións xeofísica, na que foron detectados posibles vestixios que agora hai que verificar.

Doutra banda, tamén está en licitación a execución do proxecto de acondicionamento interior do xacemento, cun orzamento de 73.691,35 euros (sen IVE). As obras permitirán a construción de accesos, instalación de plataformas, drenaxes, actuación na torre da homenaxe, pantallas acústicas, etc.

As datas límite de presentación das ofertas son, respectivamente, para sondaxes e acondicionamento interior, os días 11 e 18 xuño de 2020, na Plataforma de Contratación do Sector Público. A información complementaria está publicada no perfil do contratante da web do Concello de Santiago.

Compartir: