ALCALDÍA

O primeiro plan de contratación municipal, por un valor de case 800 millóns de euros, contribuirá á reactivación económica do concello

05/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, presentaron o primeiro Plan de Contratación do Concello de Santiago, que recompila, nun único documento, as previsións contractuais dos distintos servizos municipais. Está cantidade inclúe o valor estimado do contrato, sumando a duración do mesmo e as prórrogas, e sen incluír o IVE. Segundo indicou o rexedor, este plan influirá de xeito positivo na reactivación económica do Concello. "Vai haber -dixo- un investimento moi importante, creación de emprego e unha mellora notable da calidade dos servizos".

O alcalde destacou que o desenvolvemento deste plan precisa dun "esforzo extraordinario", xa que non é habitual, "este volume de contratación", que atribuíu "as circunstancias nas que nos atopamos, coa gran maioría de contratos caducados ou a punto de caducar". O obxectivo, apuntou Sánchez Bugallo, é chegar a final de ano con todos estes contratos licitados, a pesar da complexidade do proceso.

O rexedor vinculou este primeiro plan de contratación co plan de reactivación económica do Concello. Todos estes programas de contratación van ofrecer, dixo, "moitas posibilidades de xerar emprego e de atraer investimento para a cidade", dous factores que cualificou de "moi positivos e moi necesarios no escenario económico no que estamos". Todo isto, engadiu, "débenos permitir dar un salto cuantitativo e cualitativo na calidade de servizos de Santiago".

O contexto actual de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no que nos atopamos dende o pasado 14 de marzo, e que motivou a declaración do estado de alarma, fai que o plan de contratación se converta nunha ferramenta das moitas que, sen dúbida, sinala a concelleira, "deberán artellarse para conseguir minimizar ou aliviar o escenario económico previsible. Se nun escenario de máis estabilidade a contratación pública alcanza valores económicos próximos ao 20% do PIB anual, no escenario actual a contratación pública será fundamental nos plans e medidas que todas as administracións arbitren no futuro máis inmediato como instrumento clave para a reactivación económica e a xeración de emprego".

Non obstante, engadiu Marta Abal, "tendo en conta que o Plan é un documento programático e de mera previsión, en tanto que recolle datos de carácter estimativo e non vinculantes, e dado o contexto económico actual derivado da crise sanitaria, é probable que algunhas destas estimacións se vexan reforzadas ou moduladas, para adaptalas ás circunstancias que concorran en cada momento".

Outra das finalidades deste plan, segundo explicou Marta Abal, é dar a coñecer, nun único documento, as necesidades institucionais que pretenden cubrirse mediante os contratos que se relacionan. Inclúe todos os contratos obxecto de licitación no exercicio 2020, tanto os licitados como os pendentes de licitar. A concelleira destacou que "isto é un exercicio de transparencia tanto para os grupos políticos como para a cidadanía", porque "ver nun só documento toda a actividade contractual, que é a parte esencial fundamental dunha administración, é un cambio importante"

Datos por concellarías
Durante a súa intervención, Marta Abal desagregou os principais datos contidos no documento, aclarando que "o valor de cada contrato inclúe o orzamento total de licitación, xunto coas súas posibles prórrogas e modificación orzamentarias". Especificou tamén que non inclúe o IVE,e que tampouco inclúe "contratos menores nin a previsión da actividade contractual das entidades públicas instrumentais do Concello".

As cantidades estimadas e agregadas por concellarías que resultan son as seguintes:

• Alcaldía: 2 contratos, por un valor de 403.669,00 euros.
• Concellaría de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente, Parques e Xardíns: 7 contratos, por valor de 628.096.707,58 euros. Destaca o contrato de saneamento e abastecemento de auga, por 25 anos con prórrogas, que suma 452.500.000 euros; e o de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria, por 114.027.864 euros.
• Concellaría de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local: 45 contratos, por valor de 19.012.860,44 euros. A concelleira destacou o Smartiago, por 3.928.252,93 euros, que sinalou, intentará licitalo antes de que remate este mes de xuño.
• Concellaría de Centros Socioculturais, Barrios e Obras: 14 contratos, por valor de 9.393.623,73 euros.
• Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural: 6 contratos, por valor de 1.635.107,74 euros.
• Concellaría de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas: 9 contratos, por valor de 122.330.143,17 euros. Destaca o contrato de transporte urbano por 12 anos e un valor de 117.241.948, 28 euros.
• Concellaría de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas: 6 contratos, por valor de 8.559.842,64 euros.
• Concellaría de Deportes e Benestar Social: 4 contratos, por valor de 1.500.180,68 euros.
• Concellaría de Medio Rural: 20 contratos, por valor de 3.990.659,33 euros.

Durante a rolda de prensa, tanto a concelleira como o alcalde agradeceron a implicación dos distintos departamentos municipais neste plan e salientaron o traballo que están levando a cabo.

Direccións relacionadas



Compartir: