TURISMO

O Grupo de Cidades Patrimonio aproba unha campaña promocional dirixida ao mercado nacional que arrinca este mes de xuño

04/06/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, participou na Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, reunida este xoves de forma telemática. Na xuntanza aprobouse a posta en marcha dunha campaña publicitaria dirixida ao mercado nacional que se vai a desenvolver de xuño a decembro de 2020.

Segundo explicou o presidente do Grupo e alcalde de Eivissa, Rafael Ruiz, "imos destinar un investimento de 243.000 euros á promoción das nosas cidades nos diferentes territorios do país, xa que somos un Grupo de 15 cidades cuxos centros históricos son Patrimonio Mundial pola Unesco, pero ás veces os españois descoñecen os nosos tesouros. Nesta fase de nova normalidade, na que viaxaremos de forma diferente, queremos que os nosos visitantes coñezan todos os recursos monumentais e naturais que ofrecen as nosas cidades, que ademais son destinos turísticos próximos e seguros".

O presidente do Grupo engadiu que a cancelación da promoción en feiras internacionais de turismo permitiu realizar este investimento: "Sabemos que este ano hai ganas de viaxar e dunha maneira diferente. Dado que todos imos viaxar máis dentro das nosas fronteiras, eliximos tres cidades importantes e con gran volume de poboación como son Valencia, Madrid e Bilbao para unha campaña de publicidade que tamén se vai a desenvolver nos medios de transporte e máis concretamente nas estacións de Metro, autobuses e mobiliario urbano para que os seus cidadáns saiban de nós".

Na reunión, o presidente do Grupo lembrou que xa se trasladou ao Goberno de España a petición de que se mellore a conectividade ferroviaria, aérea e marítima para os destinos co selo da Unesco. Na mesma liña, sinalou que "sabemos que Turespaña vai lanzar unha campaña para o territorio nacional na que tamén vai estar presente a riqueza patrimonial das nosas cidades e queremos agradecer a canle fluída de comunicación que mantivemos coa ministra de Turismo e a secretaria de Estado nestes tempos de incerteza".

Dentro da política de alianzas do Grupo tamén figuran entidades como Paradores, Rede de Cidades AVE ou Madrid Destino. Segundo explicou Rafael Ruiz, "estamos a traballar para renovar convenios e en comunicación constante con todos eles e esperamos ter boas noticias para impulsar distintas iniciativas de colaboración. Entre elas, renovaremos o convenio co Concello de Madrid no mes de xullo e de forma presencial, xa que a capital é unha referencia estratéxica, eixo de conexión para todos nós e un importante mercado emisor de viaxeiros".

Tras enviar unha mensaxe de condolencia a todos os familiares, amigos e achegados ás vítimas do COVID-19, o presidente do Grupo destacou que "todos estivemos moi preocupados polo día a día nas nosas cidades e compartimos momentos moi difíciles, por iso solidarizámonos con todas as persoas que sufriron a enfermidade de preto".

Doutra banda, o presidente animou a participar na celebración de A Noite do Patrimonio: "Aínda que se tiveron que suspender moitos acontecementos que o Grupo tiña planeados, estamos ilusionados por celebrar unha das nosas iniciativas estelares o 12 de setembro: o Festival de Danza Escena Patrimonio e todas as actividades que terán como escenario os centros históricos das nosas cidades no marco dun evento de referencia e consolidado no panorama cultural do noso país, como é A Noite do Patrimonio.

Compartir: