VIVENDA

Emuvissa aproba o prego administrativo para a execución das obras de urbanización do Sunp-14 (Tras Paxonal)

02/03/2007 O Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago de Compostela (Emuvissa), presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou en sesión extraordinaria o prego de cláusulas administrativas para a execución das obras de urbanización do plan de sectorización do Sunp-14 (Tras Paxonal).

O Consello de Administración de Emuvissa deu luz verde ao prego que define as cláusulas administrativas para contratar as obras de urbanización do polígono sunp-14 (Tras Paxonal). O orzamento de execución por contrata é de 5.257.340,09 euros e establécese un prazo de execución de doce meses. O contrato adxudicarase mediante concurso público por procedemento aberto.

Para a ocupación dos terreos e o conseguinte inicio das obras de urbanización será necesaria a aprobación definitiva do proxecto de expropiación. Non obstante, estimouse como non imprescindible para a tramitación do concurso de obras, sempre que recaia a aprobación definitiva antes da formalización do contrato.

Neste solo construiranse 382 novas vivendas, das cales 300 serán protexidas. Agruparanse en cinco bloques e tamén haberá unha serie de vivendas unifamiliares para o realoxo dos propietarios afectados. Este novo espazo residencial sitúase tralo restaurante Paz Nogueira e en paralelo á Avenida de Santiago de Cuba.

O polígono conta cunha superficie de 69.400 metros cadrados e dispón dunha ampla zona verde lindeira con Santiago de Cuba. Habilitarase un novo vieiro paralelo a esta rúa, que en principio unicamente estará separado do actual por elementos móbiles, á espera dunha futura conexión co periférico. Tamén se reservou espazo para dotación educacional.

Na sesión extraordinaria tamén se tomou en coñecemento os concelleiros saíntes e aceptouse o cargo e toma de posesión dos novos: Mercedes Rosón e Carlos Nieves. Así mesmo, procedeuse á elección de vicepresidente, cargo que recaeu na concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

Compartir: