CONSORCIO

O vindeiro 12 de xuño remata o prazo para solicitar as axudas para a rehabilitación dos locais comerciais da cidade histórica

01/06/2020 O Consorcio de Santiago destinará este ano un total de 35.000 euros á rehabilitación dos locais comerciais da cidade histórica a través do seu Programa Localízate. As solicitudes e a documentación poderán presentarse no rexistro do Consorcio, situado no número 59 da rúa do Vilar, ou en calquera outro rexistro. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 12 de xuño.

Desde o Consorcio salientan que "para retomar con seguridade sanitaria moitas das actividades comerciais, boa parte dos locais e dependencias deberán ser debidamente adaptados con instalacións de separación de persoas e bens, de distanciamento persoal, mecanismos permanentes de desinfección, definición de novos itinerarios de entrada e saída… Estas subvencións permiten acometer os investimentos derivados destas adaptacións, supoñendo un aforro aos promotores, esencial no contexto de perda e merma de actividade".

"As actividades de servizos (de formación, culturais, sanitarios, deportivos…), os talleres artesanais e o comercio de proximidade son o motor da actividade económica e sen a súa participación activa na vida cotiá ningunha política de rehabilitación sería válida", sinalan desde o Consorcio.

O Programa Localízate destínase a mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a imaxe exterior, o acondicionamento interior e acústico dos locais.

Esta liña de axudas incentiva a rehabilitación dos establecementos da cidade histórica, a mellora da súa accesibilidade, da súa eficiencia enerxética, da súa imaxe exterior e o seu acondicionamento interior, xunto a obras de acondicionamento acústico. Inclúense os honorarios de redacción do proxecto e a dirección técnica da obra. A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago encargarase de redactar a documentación técnica no caso das obras de pequena entidade.

Requisitos para acceder ás axudas
Para acollerse a estas axudas, os locais deben ter condicións suficientes de seguridade estrutural e estanquidade fronte á chuvia. O edificio no que se localice o establecemento deberá ter unha antigüidade superior a 20 anos; ademais de estar en planta baixa, semisoto ou primeiro soto e ter fachada á vía pública.

O local debe estar destinado ou destinarse a algún dos seguintes usos regulados na Normativa Urbanística do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago: comercial, oficinas, actividades industriais e talleres de artesanía compatibles coa vivenda, docente, sanitario, asistencial, sociocultural ou deportivo.

En relación ao uso comercial dos locais, subvencionarase o comercio polo miúdo de froitas e verduras, carnes e peixes; pan, pastelería e similares; leite e produtos lácteos; bebidas e produtos alimenticios; téxtiles e calzado; droguería, cosmética, limpeza e pinturas; artigos de hixiene e aseo persoal; herbolarios; artigos para o equipamento do fogar e a construción; accesorios e pezas de reposto para vehículos, maquinaria; mobles e enseres domésticos; instrumentos musicais; mobles e equipamentos de oficina; aparatos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos; libros, xornais e artigos de papelería, debuxo e belas artes; xoiería; xoguetes, deportes, plantas, pequenos animais e reparación de artigos eléctricos para o fogar.

Valorarase a apertura de novos locais actualmente sen uso e a repercusión da actividade da empresa no desenvolvemento do tecido económico local. O orzamento mínimo subvencionable será de 600 € e o máximo de 30.000 €. A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado.

Compartir: