SEGURIDADE CIDADÁ

Os delitos en Compostela diminuíron máis dun 3% en 2006

02/03/2007 A cidade de Santiago segue a mellorar os seus índices de delincuencia ano tras ano. En 2006 tamén se produciu unha diminución das cifras de delitos, neste caso dun 3,33%, pasando dos 1.323 delitos de 2005 aos 1.279 do pasado ano.

Segundo indicou a subdelegada do Goberno en Galicia, Obdulia Taboadela Álvarez, o descenso foi aínda máis significativo no caso dos delitos máis comúns na cidade, os perpetrados contra o patrimonio, que baixaron un 6,85%. As cifras fixéronse públicas trala reunión en Raxoi da Xunta Local de Seguridade.

Estes datos –apuntou– permiten que Santiago siga a estar nos primeiros postos en canto á cidades seguras en España. A este mesmo factor se referiu o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que cualificou esta posición como "envexable".

Entre os delitos que aumentaron en 2006 apuntou os relacionados coa violencia doméstica, que pasaron de 71 a 86, confirmando unha tendencia alzista nos últimos anos.

As cifras dos dous primeiros meses de 2007 confirman a mesma tendencia de diminución de delitos. Así, en xaneiro e febreiro rexistráronse 148 delitos, polos 180 constatados no mesmo período de 2006.

Pola súa parte, a subdelegada do Goberno aproveitou a súa intervención para chamala atención sobre a alta sinistralidade nas estradas do mes de febreiro e fixo unha chamada á responsabilidade dos condutores. Finalmente, anunciou que en 15 días estará lista a Unidade contra a Violencia de Xénero asignada á provincia da Coruña. Esta unidade especializada prestará apoio integral ás vítimas, fará un seguimento exhaustivo dos casos de violencia doméstica e propiciará o intercambio de información nesta materia.

Compartir: