XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá o visto bo ao novo plan para o mercado de Salgueiriños

01/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local ordinaria celebrada este luns. Entre eles figurou o novo plan de distribución e autorizacións do mercado de Salgueiriños, dúas novas licenzas para instalacións de ascensores nas ARI de Vista Alegre e Pontepedriña ou a apertura do expediente de contratación das obras de acondicionamento do entorno do Centro Sociocultural da Gracia.

Tal como o rexedor adiantar o pasado venres, a distribución do mercado de Salgueiriños, de acordo coas condicións de seguridade da actual fase 2 da desescaladada, permite habilitar 104 postos. Para ocupar os mesmos terán preferencia os/as 65 comerciantes que no seu día solicitaron a autorización no prazo establecido, sempre que cumpran todos os requisitos, tales como a correspondente alta fiscal, cumprimento da Lei de Comercio ou pago da taxa.

Para o resto de comerciantes interesados/as, permanecerá aberto un prazo de recepción de solicitudes de autorización ata o 16 de xuño. Ademais, recordou Sánchez Bugallo, haberá dous prazos para pagar a correspondente licenza, un no prazo dos primeiros 30 días e outro antes do mes de novembro.

Tamén confirmou o alcalde que se vai establecer unha tarifa específica para os xoves de utilización do estacionamento de Salgueiriños. Esta medida ten dous obxectivos: facilitar a afluencia de público e promover que os/as comerciantes deixen as súas furgonetas neste estacionamento e non dentro do propio mercado.

En calquera caso, insistiu o alcalde, "vaise facer unha observación e control do cumprimento dos requisitos administrativos e de seguridade".

COVID-19
Seguindo coas medidas aprobadas pola Xunta de Goberno en relación ao COVID-19, validouse o contrato de adquisición de equipos para programas de cita previa, por importe de case 42.000 euros, e o de compra de pantallas acústicas para facilitar que a Banda Municipal de Música recupere o seus ensaios e funcionamento normal.

Accesibilidade
En materia de urbanismo, concedeuse a licenza para a instalación de ascensores en dous edificios de vivendas nas ARI de Vista Alegre e de Pontepedriña. No caso da primeira ARI, súmase así un novo bloque aos que xa teñen ascensor, mentres que a ARI de Pontepedriña trátase do primeiro ascensor. O alcalde mostrouse convencido de que "a partir desta primeira actuación virán moitas máis para instalar ascensores e recuperar fachadas neste ámbito.

Obras na Gracia
Outro dos acordos da XGL foi a apertura do procedemento para contratar as obras de acondicionamento do entorno do Centro Sociocultural da Gracia, por un importe de algo máis de 286.000 euros. O traballos, incluídos no POS + 2018 da Deputación da Coruña, permitirán unha mellora de accesibilidade no propio centro e a creación dunha área de xogos e circuíto biosaudable.

Volta progresiva á normalidade
O alcalde aproveitou a rolda de prensa para cualificar de "extraordinariamente positiva" a recuperación da actividade económica e social na cidade. Así, referiuse á indicadores como os máis de 114.000 vehículos contabilizados o pasado venres, o que supón a recuperación do entorno do 65% do tráfico diario, ou o 21% alcanzado no nivel de uso do transporte público. Tamén indicou que os datos das vendas comerciais "non son malos", coa excepción do comercio vinculado ao turismo.

Volvendo ao transporte público e en resposta a unha pregunta xornalística, apuntou que, "salvo algún problema puntual, non se teñen rexistrado incidencias" en relación ao cumprimento das normas de seguridade. Afirmou que o pagamento obrigatorio con tarxeta de transporte se manterá, cando menos, ata a finalización do estado de alerta, pero fixo un chamamento á cidadanía para que "nos acostumemos a pagar coa tarxeta, porque é un sistema máis rápido, seguro e limpo".

Fogos do Apóstolo
En resposta a outra pregunta, anunciou que este venres se presentará o programa dos fogos do Apóstolo. Avanzou que será un "espectáculo pirotécnico importante" en varios puntos a cidade, co obxectivo de que "todos os veciños e veciñas os poidan desfrutar". Reiterou que non se celebrarán na praza do Obradoiro.

Incendio en Miramontes
Finalmente, sobre o incendio da pasada semana na canteira de Miramontes, afirmou que "hai indicios de que foi provocado", pero "non temos nin idea de quen o puido provocar e con que intención", polo que "non imos entrar en especulacións".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: