ALCALDÍA

Concello e Xunta reúnense para coordinar accións en materia cultural e turística

27/05/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron un encontro a través de videoconferencia para coordinar diferentes accións en materia cultural e turística que as dúas administracións están desenvolvendo na capital galega. Así, entre os asuntos abordados atópase a reapertura das oficinas de turismo de titularidade municipal e autonómica, co fin de retomar e acompañar a reactivación do turismo.

Tamén no eido turístico, ambos representantes coincidiron na necesidade de convocar unha xuntanza da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 para abordar a reactivación do Camiño de Santiago tras a crise sanitaria e facer do próximo Ano Santo un motor da recuperación económico e emocional de toda Galicia. Precisamente, a Xunta promoveu a creación dun grupo de traballo coa presenza de representantes do propio Concello de Santiago para impulsar a Ruta Xacobea como estímulo da economía e do comercio local, especialmente nas zonas rurais, e posicionar Galicia como un destino seguro e de calidade.

Do mesmo xeito, o Goberno galego, en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) está elaborando un protocolo de medidas sanitarias específicas para o Camiño de Santiago que permita incrementar a confianza entre os peregrinos e os territorios polos que transcorren os distintos itinerarios. Ademais, o Executivo autonómico e a Universidade de Santiago (USC) ultiman os traballos do estudo para analizar o impacto da crise do coronavirus na Ruta Xacobea e agardan presentar os seus resultados en xuño.

Participación do Gaiás nas festas do Apóstolo
No marco do encontro, o alcalde de Santiago trasladoulle ao conselleiro de Cultura e Turismo as iniciativas previstas por parte do consistorio compostelán en materia de mobilidade e control de fluxos na contorna da Catedral. Do mesmo xeito, ambos abordaron aspectos centrados na celebración das festas do Apóstolo, declarada de Interese Turístico Internacional. Neste sentido, estudaron a posibilidade de incorporar a Cidade da Cultura como un dos escenarios do circuíto deste festexo. Sinalaron que, na situación actual, o complexo do Gaiás é un espazo diáfano e con zonas amplas que facilitaría a celebración dalgunhas actividades desta celebración mantendo as medidas de seguridade precisas.

Compartir: