TURISMO

A Xunta de Goberno aproba a modificación dun crédito de 100.000 euros para destinalo a axudas ao sector hosteleiro

27/05/2020 A Xunta de Goberno Local, reunida de urxencia, aprobou un expediente de modificación de crédito, por un importe de 100.000 euros, co obxectivo de dar cobertura á convocatoria de axudas para a mellora e innovación da restauración e da hospedaxe de Santiago de Compostela.

O Concello considera unha prioridade pór en marcha medidas concretas dende o ámbito municipal, o máis próximo á cidadanía, que aborden o impacto que o coronavirus causou neste sector e dean unha resposta inmediata ás necesidades que precisan os establecementos hosteleiros e de restauración.

Esta modificación de crédito é un paso efectivo de cara á aprobación da convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, co obxectivo específico de fomentar a cultura da innovación no sector da restauración e no sector hostaleiro, como ferramenta fundamental para incrementar a súa competitividade empresarial no novo contexto económico derivado da COVID-19. Estas axudas están destinadas a:

- Promover a implantación de Tecnoloxías das Innovación e da Comunicación.

- Mellorar as condicións físicas dos locais en cuestións relacionadas coa distribución e funcionalidade dos espazos, a accesibilidade, a sostibilidade e o atractivo comercial.

- Dotar os establecementos de equipamento e tecnoloxía que mellore a súa competitividade.

- Implementar procesos de mellora comunicativa.

- Incorporar ou ampliar o uso da lingua galega, así como doutros idiomas.

- Achegar recursos para atender determinados gastos correntes realizados con motivo da situación derivada da COVID-19 e facilitar a recuperación económica do sector.

O crédito inicialmente previsto nas partidas que se minoran estaba destinado a estudos e traballos técnicos dos departamentos de Turismo e Relacións Institucionais. Non obstante, tendo en conta a urxencia e prioridade da actual situación, pasan ao Plan de Reactivación do Sector Turístico, e dentro del, á tramitación das axudas para a mellora e inovación da restauración e hospedaxe compostelá.

Compartir: