AEROPORTO

Aer Lingus conectará Santiago con Dublín a partir do 27 de marzo

01/03/2007 A liña aérea irlandesa Aer Lingus presentou a súa nova conexión entre Santiago e Dublín, que unirá as dúas cidades dúas veces por semana a partir do 27 de marzo. Os martes e os sábados, ás 16:10 horas, sairán os voos de Compostela, mentres que a volta dende a capital irlandesa está programada para as 12:25 horas.

O Hostal dos Reis Católicos acolleu a presentación don novo itinerario, nun acto presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Este agradeceu a Aer Lingus a posibilidade de conectar Galicia cun país "ao que se lle ten tanto aprecio e cariño".

Pola súa parte, a directora xeral de Marketing de Aer Lingus, Aisling Lyons, amosou as características deste novo itinerario e as posibilidades que ofrece aos composteláns a liña aérea irlandesa. As previsións da compañía falan de máis do 80% de ocupación dos seus avións para a nova liña e da intención de engadir un voo máis en 2008 se funcionan os programados para este ano.

Lyons engadiu a importancia que un destino como Santiago ten para os irlandeses. Ademais, realizaranse accións promocionais neste país para dar a coñecer os atractivos da oferta turística de Santiago. Do outro lado, recordou que Irlanda é un destino turístico de primeira orde, que recibe nove millóns de visitantes ao ano.

Noutra das intervencións, o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, salientou a importancia de entrar no mercado dun país "cunha das máis altas rendas de Europa". A estratexia de captación de turistas irlandeses asentarase en tres eixos: turismo cultural, turismo relixioso (é un país de tradición católica) e turismo idiomático. Neste último campo, anunciou contactos coa Universidade de Santiago para fomentar a chegada de estudantes irlandeses para aprender español e galego.

Candela tamén se referiu á importancia do itinerario para conectar co mercado americano, debido ás moitas conexións aéreas que Aer Lingus ten entre Dublín e varias cidades de Estados Unidos. Finalmente, expresou o seu convencemento de que a nova rota "vai ser un éxito".

Na presentación da liña tamén participaron o director do Aeroporto de Lavacolla, Juan José Maceira, e representantes da Dirección Xeral de Turismo, da Cámara de Comercio e da Asociación de Empresarios da Hostalería.

Os interesados poderán acceder a prezos promocionais dende 15 euros por traxecto, excluíndo taxas e cargos. A compañía irlandesa prevé por á venda 20.000 prazas ata o 30 de outubro.

Compartir: