CONSORCIO

O Concello asumirá a titularidade da Selva Negra para convertila nun gran parque forestal público

28/02/2007 A Comisión Executiva do Consorcio de Santiago acordou a compra aos seus 14 propietarios da finca da Selva Negra, por un importe de 4,12 millóns de euros. O órgano interadministrativo cederá este espazo, de 207.088 metros cadrados, ao Concello de Santiago, que o convertirá nun gran parque forestal público.

O presidente do Consorcio e alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, anunciaron este acordo, ademais doutras decisións adoptadas na Comisión Executiva. Entre as mesmas destacan as novas actuacións na Alameda, por un importe de 828.000 euros, a creación dunha ferramenta que recompilará e fará accesibles os fondos arquivísticos da cidade, e doutra que permitirá a actualización da información urbanística da cidade histórica..

Respecto á Selva Negra, o alcanzado cos propietarios plasmarase nun convenio, que deberá ser ratificado pola Xunta de Goberno do Concello. Despois será sometido a exposición pública durante un mes. Os terreos, situados na falda do Monte Pedroso e de gran valor ecolóxico, son cedidos ao Concello por 30 anos, coa previsión de que sexa de xeito permanente.

Sánchez Bugallo estimou que en abril estará listo documentalmente o acordo. Entón, o Concello acometerá unha intervención sinxela neste espazo, para convertilo nun gran parque público. A Selva Negra unirá deste xeito a área recreativa da Granxa do Xesto coa estrada de Figueiras, o que permitirá incrementar a superficie do Parque Forestal do Pedroso en máis de dous millóns de metros cadrados.

Máis actuacións na Alameda

Outro dos acordos da Comisión Executiva foi o de realizar novas actuacións na Alameda, que completarán as realizadas dende 2005 e cuxo remate, segundo o alcalde, está previsto para marzo. Ata o momento investíronse 1.914.514 euros, aos que haberá que engadir os 828.000 das novas obras.

Esta intervención integral na Alameda inclúe a renovación do cableado eléctrico e luminarias (300.000 euros), a dotación de sinalización e mobiliario (150.000), a restauración e conservación de elementos singulares (38.000) e a renovación e rehabilitación das plantacións (340.000).

Acceso a arquivos

Pola súa parte, Xosé Manuel Villanueva, deu conta dun convenio coa Universidade de Santiago para crear un sistema de acceso único e dixitalizado á totalidade dos fondos arquivísticos catalogados de Santiago.

Este proxecto, denominado "Urbe", desenvolverase en catro anos. Na primeira fase, en 2007, investiranse 120.000 euros, e nela catalogarase e darase formato aos fondos de Santiago do Arquivo Municipal (físicamente ubicado na USC) e no Arquivo Catedralicio. Tamén se actuará sobre os fondos da cidade presentes no Arquivo Histórico Nacional e nos arquivos doutras dióceses.

Actualización urbanística

A Comisión Executiva tamén determinou a creación dun sistema de información patrimonial tecnolóxicamente avanzado que facilitará "o acceso fixo á realidade física do casco histórico e cun grao de detalle exhaustivo", indicou Villanueva.

Esta nova ferramenta integrará as distintas bases de datos (catastro, infraestruturas, censos, IAE, etc) e terá utilidade tanto no presente como para construír o pasado da cidade histórica con rigor científico.

O proxecto ten dúas partes. Na primeira desenvolverase a ferramenta informática, en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional. Na segunda incorporaranse os datos. Así, o Consorcio aprobou licitar os traballos para plasmar dixitalmente a de forma exhaustiva todos os elementos físicos da cidade histórica. Nesta actuación investiranse 600.000 euros.

Edificios tutelados

Ademais, aprobouse a primeira das subvencións para o Programa de Edificios Tutelados. En concreto, o beneficiario será un edificio da Rúa do Medio, que recibirá unha subvención a fondo perdido de 243.000 euros, do total de 518.000 que custará o total da intervención. Tamén se habilitaron 495.000 para outro edificio, neste caso na Rúa Xelmírez, no que o investimento global será de 923.000 euros.

Finalmente, a Comisión Executiva acordou destinar 392.000 euros a unha nova fase do programa de intervención en monumentos.

Compartir: