PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello pon en marcha o Plan Activa en Seguro para apoiar a autónomos e micropemes do sector servizos e da industria

05/05/2020 O Concello de Santiago pon en marcha o Plan Activa en Seguro, co obxectivo de axudar a autónomos e micropemes do sector servizos e da industria durante o plan de transición cara a denominada nova normalidade". Ofrécense 15 prazas para a realización destes itinerarios. As inscricións poderán realizarse ata as 14:00 horas do 10 de maio na web do Cersia Empresa. Esta acción está incluída no Programa Marco de Reactivación Económica Compostela 2020.

A crise socioeconómica orixinada pola crise sanitaria do COVID-19 ten orixinado unha especial situación de indefensión naquelas empresas que, ou ben se viron obrigadas a cesar a súa actividade durante o período de confinamento, ou ben tiveron que cambiar a operativa da mesma, reducíndose o nivel de actividade e facturación das empresas, como é o caso de moitos autónomos e microempresas do sector servizos e da industria.

Dende o Servizo de Apoio á Empresa do Concello de Santiago estase dende o inicio da crise informando sobre os cambios lexislativos e os programas públicos de axudas dispoñibles, así como sobre o Plan de transición cara unha nova normalidade.

Dada a extensión no tempo das medidas de confinamento e as distintas fases establecidas no Plan de transición cara unha nova normalidade, considérase preciso -no marco do programa Compostela Móvese 2022 COVID-19 aprobado en Xunta de Goberno Local de 20 de abril de 2020- reforzar o traballo que se está realizando neste eido. Por iso se lanza o Plan Activa en Seguro para autónomos, profesionais liberais e microempresas do sector servizos e da industria, co obxectivo de axudar a estes colectivos a encarar as vindeiras semanas, ao tempo que se deseñan accións a medio e longo prazo para a súa iniciativa empresarial.

Cada unha das 15 empresas participantes realizará -acompañada polo consultor responsable do programa- o seu Plan Activa en Seguro, no que se abordarán cando menos os seguintes aspectos:

1. Análise do impacto do estado da alarma na prestación dos servizos ofrecidos pola empresa. Restricións de operación e alternativas.
2. Análise económica do impacto, axudas dispoñibles e marcos de refinanciamento.
3. A prestación do servizo con seguridade.
4. Procesos comerciais en tempo de confinamento. Posicionamento actual e posibilidades de cambio.
5. Plan de activación a corto prazo.
6. Plan estratéxico a medio e longo prazo para o negocio.

Para a realización das consultorías telemáticas poderase empregar a vía telefónica ou calquera plataforma de videochamada previamente acordada entre a empresa prestataria do servizo e as empresas derivadas á mesma polo persoal técnico do Servizo de Apoio á empresa.

O número de horas de consultoría previsto por cada Plan Activa en Seguro é de 10 horas. As empresas participantes poderán realizar o seu plan empregando menos horas de consultoría das inicialmente previstas. Nese caso, o Servizo de Apoio á Empresa poderá habilitar o acceso ao Plan de empresas que inicialmente non foran admitidas no mesmo por falta de prazas.

O servizo de consultoría será prestado por Fernando Piñeiro, consultor de empresas e administración pública con máis de 20 anos de experiencia no ámbito da promoción e desenvolvemento de novas empresas no campo do sector público e privado, en xestión empresarial, axudas públicas, financiamento, planificación estratéxica e asesoramento a emprendedores/as, como acredita o seu perfil curricular.

Compostela Móvese
O programa Compostela Móvese integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, apoio á cultura emprendedora e creación de novas empresas. Dende a súa creación no ano 2004, a Oficina de Promoción Económica apoia a creación de empresas e o autoemprego a través de programas de formación, dinamización da actividade económica, encontro comercial e axudas.

Direccións relacionadas



Compartir: