EDUCACIÓN

Festactiva ofrecerá obradoiros, teatro e ocio para os mozos

12/05/2005 Durante os días 2 e 3 de xuño, os rapaces poderán disfrutar dun programa de actividades alternativas no CAmpus Sur de Santiago de Compostela.

A concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, presentou o programa de Festactiva, unha festa dirixida á mocidade e que durante o 2 e o 3 de xuño no Campus Sur ofrecerá á mocidade diferentes alternativas culturais e de ocio. Festactiva está xestionada por Coper@ctiva, e, segundo explican desde o Departamento de Educación, nace ao abeiro da análise das necesidades e das inquedanzas da mocidade compostelá.

Este programa propón actividades conxugando formación, tempo libre e diversión. Como eixos vertebradores están a intervención no tempo de ocio da mocidade con actividades adaptadas ás necesidades específicas, o uso de espazos
públicos e oferta dunha alternativa de ocio nocturno.

A concelleira de Educación fixo fincapé en que todos os obradoiros, dirixidos a mozos de entre 16 e 30 anos, son abertos e gratuitos, e poderán simultanear os distintos obradoiros ata cubrir as prazas.

Festactiva abrirase o día 2 ás 21 horas cos obradoiros de malabares, de dj hip-hop, de iniciación ao clown, de percusión africana e de rap. Arredor das doce da noite, haberá unha "Noite pallasa" que incluirá as actuacións de "Os 7 magníficos máis un" e "Dous son compañía".

Para o venres día 3, volveranse a repetir os talleres impartidos o xoves, e ademais haberá un obradoiro de construcción e manexo de malabares e de breakdance. Ás 12.30 da noite, Festacción traerá animacións e demostracións dalgúns mestres dos cursos, e, para rematar, a percusión do Senegal de Deggo e o rock galego da Matraca Perversa, poñerán o broche final a Festactiva.

Compartir: