TURISMO

Turismo de Santiago desenvolverá un plan de accións de promoción e apoio para a recuperación turística da cidade

29/04/2020 O concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, presentou este mércores en rolda de prensa as principais liñas de traballo do Plan de accións especiais de promoción e apoio a desenvolver dende Turismo de Santiago diante da situación de crise provocada no sector pola pandemia do COVID-19, aprobado polo Consello de Administración da entidade municipal e posteriormente pola Xunta de Goberno.

Turismo de Santiago, ante a situación xerada polo Estado de Alarma decretado o 14 de marzo, está seguindo diferentes liñas de traballo complementarias para adaptar a súa estratexia e as súas accións á nova situación. Dende o propio día 14, Turismo de Santiago comezou a traballar na concreción e posta en marcha dun Plan de Accións dirixido a reactivar o turismo da cidade tras a crise sanitaria.

De xeito paralelo á definición deste Plan, cada departamento da entidade municipal traballa ademais para poder seguir ofrecendo virtualmente todos os seus servizos, tanto o servizo de Información, como os departamentos de Marketing, Administración, Prensa, Comunicación, Promoción, e os servizos de apoio a congresos, o Santiago de Compostela Convention Bureau, e a rodaxes audiovisuais, a Santiago de Compostela Film Commission.

As accións que se especifican no Plan van exclusivamente orientadas á recuperación e dinamización do sector no período inmediatamente posterior á situación de anormalidade turística, a que os traballadores, as empresas e os autónomos vinculados ao sector non perdan os seus postos de traballo e a que as empresas e autónomos poidan ver garantida a súa continuidade no mercado.

Transmitir seguridade
Todo o Plan de accións parte do principio de transmitir seguridade ás persoas que visiten a cidade a curto e medio prazo. A partires deste principio de seguridade, as accións estrutúranse en tres liñas estratéxicas: análise dinámico da situación; accións dirixidas á captación e recuperación do turismo e ao posicionamento da cidade; e liñas de apoio dirixidas ao sector.

Dende Turismo de Santiago estase monitorizando a diario a situación da enfermidade en España e nos diferentes mercados internacionais para definir coa maior precisión posible onde focalizar os recursos de promoción cando se supere a situación de crise sanitaria.

Neste escenario, pártese da idea compartida por múltiples entidades e expertos de que os desprazamentos internacionais, máis aínda os de longo recorrido, tardarán en recuperarse e que o obxectivo neste primeiro momento debe ser captar turismo español e portugués que se desprace pola Península sen querer caer en aglomeracións.

O Plan inclúe múltiples accións dirixidas a captación e recuperación do turismo na cidade. Santiago estaba vivindo uns anos de crecemento moi importante. Por iso o obxectivo destas accións é claro: recuperar o antes posible a tendencia crecente da demanda turística na cidade. Esta recuperación será complexa, especialmente nos mercados internacionais. As accións nas que se está traballando son:

- Campaña Ultreia. Elaboración dunha campaña de comunicación baixo o lema "Ultreia", un termo diferencial de Santiago de Compostela como destino do Camiño de Santiago, que posiciona claramente a cidade .

- Novo Plan de Promoción. Activarase unha vez comecen a levantarse as medidas de restrición de movementos e terá dúas partes con dous obxectivos complementarios: accións a curto prazo destinadas ao mercado español de proximidade de cara a temporada de verán, se é posible, e segundo semestre do ano en xeral; e accións a medio prazo destinadas aos principais mercados internacionais de cara ao 2021 para aproveitar a oportunidade do Ano Santo.

O Plan de Promoción parte da necesidade de transmitir unha imaxe de destino seguro. Para isto é preciso que o sector se adapte as novas esixencias de distanciamento derivadas do COVID-19, como eliminación dos almorzos-buffet, favorecemento do check-in on-line, redución dos aforos, limpeza das habitacións e espazos comúns... A información de referencia é a Guía de Boas Prácticas fronte ao Coronavirus editada pola Secretaría de Estado de Turismo o 15 de abril.

- Recuperación do tráfico aéreo a través do contacto permanente e o traballo conxunto coas principais compañías que operan no aeroporto de Santiago Rosalía de Castro.

- Axenda virtual. Creouse co obxectivo de reunir os eventos virtuais que están a celebrarse en Santiago de Compostela para substituír os presenciais. Así, a páxina web de Turismo de Santiago reconverteu a súa axenda cultural habitual nunha axenda virtual, na que as persoas atopan nun só sitio: teatro, narración, cine, exposicións e aulas de xogo para "asistir" dende a súa casa. Así mantense un fluxo de visitantes continuo na web, mantendo o seu posicionamento nos buscadores.

- Audioguías en aberto. O día 15 de abril abríronse as audioguías de Turismo de Santiago dispoñibles na páxina web, para percorrer virtualmente a cidade dende a casa. As audioguías de Turismo de Santiago suman máis de catro horas de narración arredor dos principais puntos turísticos da cidade, que ademais se sinalan nun mapa de Santiago.

O Plan inclúe tamén diferentes accións destinadas ao sector, partindo dunha relación fluída co mesmo, co que se mantiveron nas ultimas semanas diversas reunións telemáticas. O obxectivo destas accións é contribuír ao seu sostemento e recuperación, na idea de traballar conxuntamente na recuperación turística da cidade. As principais accións dentro desta liña de traballo son:

- Creación dun Foro Profesional. Creouse un foro de intercambio de ideas cos sectores profesionais da cidade directamente implicados no eido do turismo, para coñecer a súa opinión e as súas necesidades máis inmediatas, e co fin de recoller as súas propostas de medidas a curto e medio prazo. A primeira reunión do Foro tivo lugar o 22 de abril.

- Reactivación do Foro MICE. Reactivouse o Foro MICE, específico para o sector congresual, tendo en conta as súas especificidades concretas e asumindo que será un dos últimos sectores en recuperarse polo levantamento das restricións a reunións dun número elevado de persoas. A primeira reunión tivo lugar o día 20 de abril. A partires das propostas formuladas no Foro MICE, deseñaranse accións para o Fomento da Seguridade nos eventos e accións Formativas en seguridade e novas tecnoloxías.

- Plan de Captación e apoio a congresos e xornadas. Co obxectivo de relanzar o sector MICE, dende Turismo de Santiago farase un Plan de Captación de Congresos e Xornadas, multiplicando a relación cos promotores locais, especialmente coa Universidade e co sector sanitario (facultades de Medicina e Enfermería, Hospital, Colexio médico, etc).

- Reforzo de accións sectoriais específicas xa existentes. Dende Turismo de Santiago, e de acordo coa Asociación representativa do sector, incrementarase o apoio a accións xa consolidadas, como Santiago(é)tapas, para conseguir unha maior proxección exterior, unha maior presenza na cidade e contribúa a recuperación do sector da restauración.

- Posta en marcha de accións novas, en colaboración coas asociacións sectoriais. Como consecuencia das propostas resultantes do diálogo coas asociacións, promoveranse e apoiaranse, cara a desenvolverse no segundo semestre do ano, novas accións que contribúan á recuperación económica dos sectores da hostalería e da restauración.

- Plan de Choque de Cidades Patrimonio. Turismo de Santiago participará no Plan de Choque con accións conxuntas que se está definindo no Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. As principais medidas que se contemplan son campañas dirixidas ao mercado español e medidas para acelerar a comercialización de paquetes turísticos exclusivos para o mercado interior, con novos incentivos.

- Apoio á medidas de seguridade hixiénico sanitaria e da acreditación dos estabelecementos de turismo. Co obxectivo de promover unha imaxe de cidade segura, apoiarase a adopción de criterios, medidas e mecanismos de garantía da seguridade hixiénico sanitaria que contribúan a xerar confianza. Esas medidas estableceranse en coordinación coas diferentes administracións e cos diferentes departamentos municipais.

- Bonificacións tributarias, apoio financeiro, e programas de formación para inserción laboral. As empresas do sector de restauración e hostalería beneficiaranse das bonificacións previstas con carácter xeral respecto das taxas de lixo e de ocupación de vía pública por terrazas establecidas nas disposicións aprobadas por acordo da Xunta de Goberno Local do 20 de abril de 2020.

- Igualmente, ás pequenas e medianas empresas do sector poderán acollerse as axudas convocadas polo Concello para abono dos xuros e gastos de créditos concedidos polo ICO ás empresas e autónomos con ocasión da situación do Estado de alarma, aprobadas por acordo de Xunta de Goberno Local do 20 de abril de 2020.

- Tamén os traballadores dos sectores vinculados ao Turismo poderán acollerse aos programas de formación para inserción laboral aprobados pola Xunta de Goberno Local do 20 de abril de 2020 do Concello de Santiago no marco das medidas adoptadas para facer fronte ás consecuencias da crise derivada do cese de actividade pola pandemia do COVID-19.

- Espazo de información centralizado de axudas ao sector. Turismo de Santiago habilitou na súa páxina web un espazo de información de interese para o sector turístico da cidade, recollendo toda a información posible sobre axudas das diferentes administracións, así como posibilidades de teleformación.

Direccións relacionadas



Compartir: