ALCALDÍA

As medidas municipais fronte ao coronavirus supoñen 100.000 euros de gasto extraordinario semanal

24/04/2020 O Concello de Santiago celebra esta tarde un pleno extraordinario, mediante medios telemáticos, no que se debaterá a aprobación dunha modificación de dúas ordenanzas fiscais –a 0.00 xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e outros ingresos de dereito público e da 3.24 da taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio público local- e da proposta de modificación das Bases de Execución do Orzamento Municipal do exercicio 2020. Basicamente, a primeira destas modificacións habilitará á Xunta de Goberno Local para modificar o calendario fiscal, e a segunda, de xestión dos anticipos de caixa fixa, permitirá pagar e xustificar ese pago "a posteriori".

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo confía na súa aprobación. "Dependemos dos demais grupos", sinala, "pero creo que, dada a responsabilidade que todos están demostrando, da que quero deixar constancia do recoñecemento e agradecemento; se aprobará". Esta aprobación, continuou, posibilitará habilitar un procedemento de anticipo de caixa que permitirá ao concello (no caso do programa de tíckets especiais de compra) adiantarlle "os cartos dos bonos, sobre todo aos supermercados pequenos" e as tendas de barrio, para que "non teñan que sufrir e non teñan que tensionarse excesivamente, dada a magnitude que está adquirindo" o programa de alimentos que puxo en marcha a concellaría de Políticas Sociais.

No caso da aprobación do punto 3 do pleno, de modificacións de ordenanzas fiscais e de taxas; o alcalde sinalou, en rolda de prensa, que permitirá unha ampliación do período de prazos, co obxectivo de "facilitar o pago de tributos municipais". Tamén permitirá, en casos como o pago das taxas de lixo ou das taxas por mesas e cadeiras, reducir o importe do recibo en proporción aos días que dure a limitación da ocupación. "Loxicamente -engade Sánchez Bugallo- non debemos cobrar por un servizo que non se presta".

O alcalde sinalou que as medidas que hoxe se van levar a pleno "implicarán unha minoración de ingresos para o concello, duns cen mil euros ao mes, aproximadamente; pero ningunha minoración de gastos. É dicir, recortaranse os ingresos, e en algúns capítulos, incrementaranse os gastos, Isto tamén vai supor, engade "unha tensión moi notable desde o punto de vista das contas do Concello".

Entre os gastos que se están incrementando, o alcalde citou os relacionados coa área social: tíckets especiais de compra, servizo de comedor, o SAF (Servizo de Atención no Fogar), ou a acollida de persoas que están na rúa, en colaboración coa Igrexa e con Cáritas, aos que agradeceu o seu apoio. Programas que, sinalou Sánchez Bugallo, "están implicando un custe adicional extraordinario, de entre 70.000 e 80.000 euros semanais para o propio Concello".

A isto compre engadir, continuou, "os gastos extraordinarios derivados das medidas de hixiene e de protección do persoal do Concello que está prestando os servizos básicos", e os gastos derivados do teletraballo, concretamente dos 180 funcionarios/as que neste momento están traballando desde a súa casa; o que incrementa esta cifra ata os 100.000 euros semanais. "Por un lado estamos minorando dunha forma significativa os ingresos, e por outro lado prodúcese un importante incremento no capítulo de gastos. Por iso cando falamos, por exemplo, do Plan de reactivación económica, temos que ver todo á vez. O Concello só ten un presuposto. Un mesmo presuposto", engadiu. Nese presuposto, indicou, "temos que priorizar as atencións sociais. Non podemos permitir que ningunha familia nin ningunha persoa de Santiago pase fame".

Compartir: