TURISMO

Turismo de Santiago estuda co sector medidas para a recuperación dos congresos

20/04/2020 O concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, reuníronse telematicamente está mañá con representantes do sector MICE da cidade: organizadores profesionais de congresos, Palacio de Congresos e directores de hotel.

Os obxectivos da reunión eran compartir opinións respecto á situación xerada polo COVID-19, para poder definir medidas de recuperación de Santiago como destino de congresos e presentar ao sector o Plan de Accións Especiais no que está traballando Turismo de Santiago, especialmente as orientadas ao sector MICE.

De abril a xuño, a cidade viviu a cancelación ou aprazamento de numerosos congresos e xornadas previstos para estas datas debido ao estado de alarma decretado o pasado 14 de marzo. A maioría dos eventos aprazáronse para o último cuadrimestre do ano ou xa para o ano 2021.

No mes de marzo aprazáronse tres importantes congresos: o Euro-EUS Meets Oncology, que se celebrará en marzo de 2021; o XXXII Congreso Nacional SEPYPNA, que se celebrará en abril de 2021; e o Primeiro Congreso Internacional do Teatro Galego, que terá lugar en outubro do 2020.

Nos meses de abril e maio, os principais congresos que se aprazaron foron: o XIV Reunión Anual da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria, que pasa para outubro; as 33 Xornadas da Asociación Española de Terapia Gestalt, que pasan a finais de abril do 2021; e a XLIII Reunión anual da Sociedade Española de Neuroloxía Pediátrica, que pasa para setembro do 2020;

Tamén se aprazaron dous eventos importantes previstos para o mes de xuño: o 24th European Conference on Artificial Intelligence, que pasa para finais de agosto deste ano; e o XIX Congreso Internacional da Asociación Española de Americanistas, que pasa para o mes de xuño do 2021.

As previsións indican que o sector congresual será un dos últimos en recuperarse da crise xerada polo COVID-19. Dende Turismo de Santiago márcase o obxectivo de reactivar o sector MICE o antes posible, retomando a senda de crecemento que estaba vivindo o este sector na cidade nos últimos anos.

A reunión de hoxe enmárcase dentro deste obxectivo. Serviu para intercambiar opinión e ideas cos representantes do sector. En base a isto, incluiranse diferentes medidas dirixidas especificamente á recuperación do sector MICE dentro do Plan de reactivación turística no que está traballando a entidade municipal.

Compartir: