EMPREGO

O Concello ofrece máis de 100 cursos online gratuítos en resposta ao coronavirus

15/04/2020 O Concello de Santiago lanza a súa maior oferta formativa online dos últimos anos para mitigar os efectos da crise sanitaria global, poñendo ao dispor de todos/as os/as habitantes maiores de 16 anos, censados na capital galega, na busca de emprego e ocupados, 1.500 prazas en máis de 100 cursos online de múltiples áreas profesionais. Eses cursos enmárcanse no programa Talentia Summit’20 e están dentro do Plan para a reactivación económica posto en marcha polo Goberno municipal. A inscrición está aberta dende hoxe.

"Continúa coa túa formación ao máis alto nivel, inviste o teu tempo durante esta corentena no maior valor para o teu futuro profesional. Agora, máis que nunca, inviste no teu talento".
Estes son os lemas da oferta de cursos presentada este mércores polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, quen estivo acompañado na rolda de prensa polo técnico municipal responsable de Emprego, Xavier Ferreiro. O rexedor animou á cidadanía a participar nestes cursos e a que "aproveiten esta oportunidade para mellorar a súa formación". Neste sentido, indicou que "despois da crise, haberá grandes cambios, que pasarán pola innovación e as novas tecnoloxías, e debemos aproveitar para posicionarnos neste novo escenario económico".

Reactivación económica e protección do emprego
Debido ás circunstancias actuais de illamento social provocadas polo coronavirus (COVID-19), dende o Concello de Santiago temos o compromiso de frear a curva. O obxectivo é que durante o tempo que dure o confinamento nas nosas casas, as persoas que queiran aproveitar estes días para estudar e formarse de modo autónomo e gratuíto, atopen nesta ampla lista de cursos as actividades que máis se adapten ás súas necesidades.

Para que o conxunto da cidadanía poida afrontar o estado de alarma con garantías suficientes, minimizar o impacto da crise e garantir a senda da recuperación, o Concello de Santiago, do mesmo xeito que o resto das administracións públicas, presenta un conxunto de medidas para a reactivación económica e protexer o emprego.

Entre elas, este plan de formación online, que pretende abrir novas oportunidades para a recualificación profesional, para adaptarse ás necesidades cambiantes do mercado de traballo e reforzar a capacidade de recolocación das persoas demandantes de emprego entre sectores. Así, o técnico responsable de Emprego, Xavier Ferreiro, definiu este programa como "como ambicioso" e reiterou o convite do alcalde á cidadanía para realizar algún destes cursos online.

Hoxe mesmo ábrese a inscrición e, tras uns días para a verificación de solicitudes, agárdase que o luns xa estean todas as plataformas formativas funcionando. Tal como indicou, Xavier Ferreiro, a confirmación da reserva da praza xa outorgará acceso á plataforma.

Requisitos
Os únicos requisitos para ter acceso a esta formación son: ter como mínimo 16 anos de idade e estar rexistrado/a no Padrón Municipal de Habitantes de Santiago. Os cursos online están dirixidos a: persoas desempregadas, persoas traballadoras en ERTE, persoas empregadas en PEMES e persoas autónomas

Os cursos son totalmente gratuítos, xa que están financiados polo Concello de Santiago. Cada persoa poderá realizar un curso online ao mesmo tempo, e cando o remate, poderá realizar outro se o desexa, ata que se finalicen as prazas. A oferta componse de 100 cursos online de diferentes áreas profesionais, cun total de 1.500 prazas dispoñibles. Serán 4.700 horas de formación.

Os/as participantes terán acceso ao material mediante unha plataforma de formación online dispoñible as 24 horas do día todos os días da semana. Tamén disporán dunha titoría durante o horario laboral para a xestión de incidencias e control da progresión formativa. Recibirán un diploma acreditativo oficial ao completar satisfactoriamente o itinerario formativo.

Toda a información e solicitudes de inscrición na páxina web do Talentia Summit’20.

Plan de reactivación económica
Tal como apuntou o alcalde, este paquete de cursos é a primeira parte do Plan de reactivación económica posto en marcha polo Concello como resposta á crise do COVID-19. "Ao longo das dúas próximas semanas iremos presentando todas as accións do Plan de reactivación económica, que abarca os espazos esenciais da actividade económica da nosa cidade: empresa, autónomos, comercio, turismo, cultura.., porque queremos aproveitar este tempo para que estes colectivos poidan saber con que axudas e apoio poden contar".

A propósito deste plan, Sánchez Bugallo, indicou que "este é un tempo de cooperación e de colaboración", no que "cómpre xuntar esforzos e conseguir entre todos o mellor para todos". Por iso, dixo, todos os programas son complementarios das ofertas doutras administracións".

Tamén en relación ao plan de reactivación e en resposta a unha pregunta sobre as demandas concretas do sector hostaleiro, o rexedor destacou que se vai lanzar un programa de turismo, que xa se presentou a Hostalería Compostela e no que "facemos fincapé nos programas de dinamización do sector". Tras a xuntanza mantida onte con este colectivo, apuntou que "hai unha filosofía xeral compartida" e temas xa contemplados no plan nos que "podemos facer algo", como o aprazamento e flexibilización de pagos, a compensación pola non instalación das terrazas ou a recollida do lixo, e outras que "non son posibles" porque "non teñen encaixe legal ou orzamentario", en relación a algunha petición en materia fiscal.

O rexedor aproveitou este tema para facer unha reflexión: "unha administración como a nosa que non se pode endebedar pode repartir o que ten, pero non o que non ten, e se minguamos moito os ingresos, logo non podemos pedir axudas".
Xacobeo 2021
Sen saír do ámbito do turismo e preguntado polo Xacobeo 2021, Sánchez Bugallo afirmou que "temos a sorte de ter un Xacobeo que permitirá unha recuperación máis rápida e sostible no tempo que noutros lugares, se ben será un proceso paulatino". Subliñou que "hai que replantexar o Xacobeo e é moi importante apostar por el", para convertelo "nunha grande oportunidade para toda Galicia". Neste sentido, reclamou "evitar a confrontación política" en relación ao Ano Santo.

Residencias
En resposta a unha pregunta xornalística sobre a situación das residencias da terceira idade, o alcalde lembrou que "a supervisión e control das residencias compételle a Xunta de Galicia", se ben "estamos pendentes deste tema e en contacto permanente coa Xunta" e con "enorme preocupación polo que acontece nalgunha residencia". "A todos nos chama a atención que haxa residencias con ningún caso de coronavirus e que, en cambio, haxa 120 casos na de San Lázaro e 30 na de Pontepedriña".

Situacións así, dixo, "obrigarán a revisar protocolos de control das residencias", pero "sabemos que a Xunta fai un control exhaustivo diario e imos respectar o que nos digan os profesionais; non é este momento para a confrontación política, senón para colaborar".

Agradecemento e preocupación
Finalmente, como en cada rolda de prensa, Sánchez Bugallo agradeceu ao conxunto da cidadanía o seu comportamento durante este estado de alarma e pediu reiterar os "esforzos para mellorar a convivencia". Neste sentido, expresou a súa preocupación polo "incremento das denuncias por violencia dentro da unidade familiar". Precisamente onte, o Concello puxo en marcha a campaña "Rompe o silencio", que lembra ás mulleres vítimas de violencia machista que poden denunciar e á cidadanía que debe auxiliar.

Documentos relacionados



Compartir: