CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais de Compostela divulgan a campaña "Preto de ti" para animar a veciñanza a través das súas redes sociais

09/04/2020 O Departamento de Centros Socioculturais vén de lanzar un vídeo a través das súas redes sociais, co obxectivo de animar ás familias neste período de confinamento. Baixo o título "Os centros socioculturais preto de ti", pretenden achegarse á veciñanza a través do sorriso e lembrarlle ás persoas usuarias que seguen aí, e que nas súas redes poden atopar actividades para desenvolver dende casa coas crianzas, así como contidos e propostas para pasar o tempo dun xeito lúdico e creativo.

Nas redes dos centros socioculturais, baixo o hastag #Compostelaquedanacasa, hai titoriais de actividades, vídeos musicais, recomendacións de lecturas, imaxes compartidas pola veciñanza, testemuñas e experiencias comunitarias, para estar activos e en contacto co exterior sen saír da casa. Tamén recollen, nas distintas páxinas de Facebook, os avisos das autoridades, as recomendacións realizadas durante estes días polo Goberno local, e os servizos asistenciais e de apoio que está prestando o Concello a raíz da crise sanitaria da COVID-19.

No municipio de Santiago de Compostela hai 44 centros socioculturais, repartidos pola área urbana e polo rural. Varios deles contan con Facebook. Son os centros de Santa Marta, O Ensanche, Vite, O Castiñeiriño, As Fontiñas e Conxo. A estes cómpre sumarlle o dos locais socioculturais do rural, outro da Zona Urbana 1 e outros dous xenéricos baixo o nome de SantiagoSocioCultural e Barrios de Compostela.

Compartir: