ACCIÓN CULTURAL

Acción Cultural traballa na reprogramación dos espectáculos suspendidos polo estado de alarma

31/03/2020 A Concellaría de Acción Cultural está traballando na reprogramación dos espectáculos suspendidos a causa do estado del alarma decretado por mor do COVID19. Para non impactar no que está planificado no segundo semestre, están intentando axendalas para o mes de xullo, e no caso de que as restricións se alonguen, para o mes de agosto, e incluso para setembro.

O Departamento de Acción Cultural, que dirixe a concelleira Mercedes Rosón, quere manter as actividades programadas. Con este obxectivo traballan dende hai 15 días, sempre tendo en conta o alto nivel de incerteza, xa que aínda que o límite do estado de alarma remata, en principio, o día 12 de abril, dende a Concellaría pensan que as restricións van seguir en relación cos espectáculos públicos.

Sinala a concelleira Mercedes Rosón que hai actividades, como os concertos da Real Filharmonía de Galicia que, polas axendas, non poden ser adiados. Pero no resto están tendo menos dificultades, ademais de boa vontade por parte de artistas, produtores e compañías, para o cambio de data.

Entre os eventos adiados, que xa teñen asignada nova data figura Daimon y la jodida lógica, previsto para o 14 de marzo e que pasa ao 3 de xullo; o concerto de Pablo Milanés, con nova data do 19 de setembro; o concerto de Lina_Raül Refree, que pasa do 27 de marzo ao 6 de setembro; o espectáculo Juana, que se poderá ver, en principio, o 6 de xuño; ou a Gran Gala do Circo de Compostela, que pasa ao 25 de xullo. Todos os cambios da programación pódense consultar na web de Compostela Cultura.

Devolución entradas
En canto á devolución ou cambio de entradas, habilitouse un correo, informacion@compostelacultura.gal, no que tamén se está a informar aos/ás compradores/as do cambio e/ou suspensión de datas. As entradas dos eventos suspendidos mercadas a través da web xa están devoltas. O resto farase cando remate o estado de alarma e as restricións. Para responder dun xeito efectivo ás dúbidas que poidan xurdir por parte da cidadanía, na web de Compostela Cultura habilitouse unha páxina coas respostas ás preguntas máis frecuentes e con teléfonos de contacto.

Tamén se está informando dos cambios de datas, de xeito inmediato, a través da web de Compostela Cultura, e da Axenda C. Segundo sinala Mercedes Rosón, esta axenda é unha ferramenta moi útil para a comunicación. Recolle, cada semana, unha mostra das actividades culturais para pasar o confinamento o mellor posible. As persoas interesadas poden subscribirse aquí.

De xeito paralelo, o persoal do Departamento de Cultura tamén traballa para manter ao día os pagos a provedores, e ser o máis áxiles posible na súa tramitación.

Compartir: