PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nacen dúas novas empresas creadas no marco de Equal Compostela Social

27/02/2007 Abren as súas portas dúas novas empresas creadas no marco do Proxecto Equal Compostela Social, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego. Con estas son xa 27 as empresas constituídas a través deste programa dende que comezou a súa andaina, en novembro do 2005. 21 das empresas (78%), foron creadas por mulleres.

O 28 de febreiro, ás 20:00 horas, inaugúrase Petronio, un espazo de arte ubicado na rúa de San Pedro, número 30. Nas instalacións véndense materiais de Belas Artes, enmárcanse cadros, impártense talleres de formación e expóñense e véndense obras de arte. Ademais, o Petronio Club de Arte facilita aos clientes iniciarse na adquisición dunha colección de obras de arte que poden abonar mediante cotas mensuais.

O día 1 de marzo inicia a súa actividade Alicerce, Desenvolvemento e Xestión da Cultura do Entorno, que ofrece servizos innovadores na planificación e divulgación do Patrimonio Cultural. A empresa é froito da unión dun equipo de expertos que traballan nos campos da arqueoloxía, historia, etnografía, xeografía e medio ambiente. Realizarán todo tipo de traballos relacionados co patrimonio cultural: xestión de recursos patrimoniais e turísticos, deseño de estratexias de desenvolvemento, formación orientada a profesionais e institucións, etc. Alicerce ten a súa sede no edificio do FEUGA, ubicado no Campus Sur.

Equal Compostela Social é un programa de fomento da cultura emprendedora dirixido a persoas desempregadas que pertencen a colectivos de difícil inserción: mulleres, mozos menores de 30 anos, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados, etc. Neste momento estase desenvolvendo a cuarta fase., na que participan 20 proxectos empresariais.

Compartir: