SAÚDE

INFORMACIÓN RELATIVA Á ENFERMIDADE POLO NOVO CORONAVIRUS (COVID-19)

11/03/2020 Informacións, avisos e recomendacións do Concello de Santiago relativas á enfermidade polo novo coronavirus, COVID-19. Na relación vanse incorporando as diferentes medidas adoptadas polas autoridades municipais e retirando aquelas restricións que van deixando de estar en vigor en función das fases de desescalada.

RESTRICIÓNS VIXENTES DESDE O 26 DE FEBREIRO DE 2021
Consulta aquí as medidas restritivas vixentes na cidade dende o 26 de febrero.

RESTRICIÓNS VIXENTES DESDE O 27 DE XANEIRO DE 2021
Consulta aquí as medidas restritivas vixentes na cidade dende o 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro de 2021.

RESTRICIÓNS VIXENTES DESDE O 15 DE XANEIRO DE 2021
Principais medidas adoptadas pola Xunta de Galicia:

- Peche perimetral individual do Concello de Santiago
- Adiántase o toque de queda ás 22.00 h.
- Limítanse as reunións a un máximo de 4 persoas non convivientes.
Prégase non levar a cabo reunións de non convivintes nos domicilios.
- Na Hostalería:
Peche do interior
Aforo do 50% en terrazas
Horario de peche: 18 horas
- Comercio: peche ás 21.30 h

RESTRICIÓNS VIXENTES DESDE O 9 DE XANEIRO DE 2021
Dende o 9 de xaneiro, Santiago volver estar en situación de risco máximo, polo que a Xunta de Galicia decreta as seguintes medidas:

- Peche perimetral conxunto cos concellos de Ames e Teo.
- Limítanse as reunións a un máximo de 4 persoas non convivientes.
- Na Hostalería:
Peche do interior
Aforo do 50% en terrazas
Horario de peche: 18 horas

MODIFICACIÓNS DAS RESTRICIÓNS
Publicación oficial das novas medidas vixentes na cidade desde as 00.00 do venres 4 de decembro. Consúltaas aquí

RESTRICIÓNS APROBADAS O 4 DE NOVEMBRO DE 2020
Publicación oficial das restricións aprobadas o mércores 4 de outubro, na que se inclúe o peche perimetral conxunto dos concellos de Santiago, Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra, entre outras medidas. Consúltao aquí

RESTRICIÓNS APROBADAS O 30 DE OUTUBRO DE 2020
Publicación oficial das restricións aprobadas o venres 30 de outubro, na que se inclúe o peche perimetral conxunto dos concellos de Santiago, Teo e Ames. Consúltao aquí

RESTRICIÓNS APROBADAS O 21 DE OUTUBRO DE 2020

As novas medidas restritivas aprobadas no Diario Oficial de Galicia do 21 de outubro de 2020 poden consultarse no documento que figura nos anexos.

Consulta aquí o cadro resumo.

PROTOCOLO PARA O ACCESO AO CEMITERIO DE BOISACA NA FESTIVIDADE DE TODOS OS SANTOS E DÍA DE DEFUNTOS
Medidas preventivas de carácter xeral

- Tanto os visitantes como os traballadores e traballadoras do cemiterio garantirán o mantemento da distancia interpersoal de seguridade de 1,5 metros entre persoas que non sexan do mesmo grupo familiar. Para isto, todo o persoal circulará polo lado dereito dos camiños e sendas.

- O uso da máscara (sen válvula exhalatoria) é obrigatorio, salvo nos supostos de excepción expresamente contemplados na normativa.

Medidas preventivas específicas

- Os grupos de familiares convivintes non superarán o máximo de 5 persoas.

- A estancia máxima dentro do recinto será de 30 minutos por persoa. Non obstante, prégase que se permaneza só o tempo imprescindible.

- A capela do cemiterio, para evitar posibles aglomeracións, permanecerá pechada durante os días 30 e 31 de outubro e 1 e 2 de novembro de 2020.

- Nos aseos limitarase o aforo a un único usuario por aseo.

- Levarase a cabo un control no acceso ao recinto.

- Os visitantes procurarán non compartir material e/ou ferramentas. No caso de facelo, empregarán xeles hidroalcohólicos desinfectantes, con efecto virucida, antes e despois de empregalos.

- Desaconséllase o uso das fontes.

Durante eses días, reforzaranse as tarefas de limpeza e desinfección das zonas de uso común e superficie de contacto frecuente, ben con solución de lixivia 1:50 recén preparada ou con desinfectantes con efecto virucida autorizados e rexistrado, e baleiraranse as papeleiras de forma frecuente. Para que a información sexa visible, colocaranse carteis informativos con todas estas medidas.

O horario de funcionamento do cemiterio será de 9:00 a 20:00 horas en horario continuado os días 30 e 31 de outubro e 1 e 2 de novembro.

Servizos de reforzo na liña 1 do transporte urbano

- Frecuencia de paso os días 31 de outubro e 1 de novembro:
o Cada 16 minutos entre as 9:00 e as 20:00
o O resto do día, a frecuencia será a dun día festivo (cada 30 minutos).
- Paradas:
o Santa Marta
o Rosalía de Castro
o Senra
o San Roque
o Pastoriza
o Salgueiriños.
- Reforzo do servizo da Policía local e colaboración de Protección Civil: prégase aos visitantes que atendan as indicacións dos axentes e que respecten as sinalizacións colocadas para facilitar o acceso e impedir o cruzamento entre persoas.
- Acceso ao recinto por unha das portas, de forma que a outra quede de saída.
- Recomendación de adiantar a visita ao cemiterio para non provocar aglomeracións

RESTRICIÓNS APROBADAS O 2 DE SETEMBRO DE 2020

As novas medidas restritivas aprobadas no Diario Oficial de Galicia do 2 de setembro de 2020 poden consultarse no documento que figura nos anexos.

Consulta aquí o cadro resumo.

PLANS DE DESESCALADA

No documento adxunto denominado PLANS DE DESESCALADA poden observarse os diferentes plans de desescalada segundo os ámbitos dos servizos municipais.

PARQUES E XARDÍNS: HORTAS MUNICIPAIS

Dende o mércores 27 de maio queda suprimido os sistema de restricións e quendas nas horas municipais, permitíndose o acceso libre a todos/as os/as adxudicatarios/as de uso das parcelas. O Departamento de Parques e Xardíns lembra que, á marxe das novas posibilidades de acceso, segue vixente o estado de alarma e deben manterse as condicións de seguridade, protección e distanciamento social para desenvolver as actividades hortícolas.

Permítese tamén o uso dos composteiros comunitarios no caso daquelas zonas que conten con eles, así como do resto de elementos de uso común, como bancos ou merendeiros dispostos na contorna das hortas municipais.

No caso das casetas de ferramentas situadas nas hortas de Brañas de Sar, Campo das Hortas e Santa Marta, adoptaranse as precaucións necesarias na recollida, manipulación e manexo de colleita e ferramentas, e o seu uso será individual, acollendo un máximo dunha persoa no seu interior para reducir ao mínimo o contacto físico.

Continúa a ser necesario o uso de medidas de protección persoal (luvas e máscaras), así como o uso frecuente de xabón ou solucións hidroalcohólicas para practicar unha frecuente hixiene de mans. E en xeral, para evitar o risco de contaxios, prégase continuar respectando a distancia de seguridade interpersoal e realizando a desinfección, cando sexa posible, das billas e de calquera outro elemento que sexa manipulado durante o desempeño dos labores realizados.

ACCIÓN CULTURAL: DEVOLUCIÓN DE ENTRADAS

Permanecen suspendidas todas as actividades culturais (concertos, obras de teatro etc.) previstas en locais municipais ou promovidas polo Concello ou polo organismo autónomo Auditorio de Galicia.

O despacho de billetes do Teatro Principal reabriu o mércores 27 de maio de 2020 para comezar a tramitar as devolucións das entradas dos espectáculos adiados ou cancelados polo cese de actividades. Até o 20 de xuño, as persoas que mercaran as súas entradas de forma presencial na billeteira poderán solicitar a devolución do seu importe. O horario de atención é de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00 h.

É imprescindible presentar a entrada adquirida para que a devolución sexa efectiva e o reembolso farase no mesmo método que se empregou para a compra. Así, o importe das entradas adquiridas con tarxeta de crédito será reingresado na mesma tarxeta. No caso das entradas compradas con diñeiro en efectivo, os cartos devolveranse tamén en metálico á persoa portadora da entrada.

De non querer solicitar a devolución, as entradas seguirán sendo válidas para os espectáculos adiados na súa nova data. En función da evolución das recomendacións sanitarias e as medidas de prevención esixidas para cada caso e data, as butacas previamente asignadas poderán ser modificadas.

Non será preciso reservar cita para achegarse ao despacho de billetes a solicitar as devolucións. Porén, Compostela Cultura pide ás persoas usuarias que lembren respectar en todo momento as medidas de distanciamento e hixiene nas súas visitas.

A devolución das entradas adquiridas no portal compostelacultura.gal foi tramitada durante o período de confinamento tras contactar coas persoas que as mercaran por esta vía. Este proceso que se abre agora é exclusivo para as entradas mercadas de forma presencial no despacho de billetes do Teatro Principal.

- Devolución de abonos da RFG: Iniciouse o proceso de devolución do importe correspondente aos concertos cancelados do programa de abono da Real Filharmonía de Galicia. A tramitación comezou co reembolso das entradas correspondentes a abonos adquiridos con tarxeta de crédito. Nas próximas semanas, procederase a contactar coas persoas que adquiriran abonos en metálico para tramitar esoutras devolucións. Propiciaranse medios para que a devolución poida tramitarse de xeito telemático.

- Actividades realizadas por outros promotores nas instalacións municipais: tamén permanecen suspendidas as actividades realizadas por outros axentes nas instalacións municipais.

ACCIÓN CULTURAL: SUBVENCIÓNS PARA A PROMOCIÓN DA ACTIVIDADE CULTURAL

A Xunta de Goberno do 1 de xuño aprobou as bases de dúas convocatoria de subvencións para o fomento das actividades culturais durante o ano 2020: unha destinada a asociacións culturais e outra ao sector profesional. O prazo de solicitudes será dun mes, contado dende o día seguinte á publicación das respectiva convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Máis información

URBANISMO: CONDICIÓNS DAS TERRAZAS E DO INTERIOR DE LOCAIS HOSTALEIROS EN APLICACIÓN DA FASE 2 DA DESESCALADA

A Xunta de Goberno do 25 de maio deu o visto bo a unha instrución da Alcaldía de aplicación da fase 2 ao sector de restauración e hostalería. A instrución, que pode consultarse neste documento, refírese tanto ás condicións das terrazas como ás obrigas para a apertura interior dos establecementos.

FACENDA: NOVO CALENDARIO FISCAL

Amplíanse os prazos en varios impostos e taxas municipais, que quedan do seguinte xeito:

- Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM): dende o 5 de maio ata o 5 de xullo, ambos incluídos (ou día hábil inmediato posterior).

- Imposto sobre Bens Inmobles (IBI urbano, rústico e de características especiais): dende o 5 de xullo ata o 5 de outubro. Tendo en conta que o último día para acollerse ao sistema especial de pago se fixa o 30 de maio, de facer uso desta posibilidade, o primeiro prazo e pago remataría o 5 de agosto, o segundo o 5 de outubro e o terceiro o 5 de novembro.

- Taxas por ocupación de vía pública (vados): dende o 5 de xuño ata o 5 de setembro, ambos incluídos (ou o día hábil inmediato posterior).

- Taxas por ocupación de vía pública por mesas e cadeiras: dende o 5 de setembro ata o 5 de novembro ambos incluídos (ou día hábil inmediato posterior). Farase constar a dedución da parte correspondente polo tempo que non se puideron utilizar estas mesas e cadeiras.

010

O Concello habilita o teléfono de asistencia social á veciñanza 010 para a atención a persoas en situación de vulnerabilidade:
• Persoas maiores que vivan soas ou con outra persoa tamén de idade avanzada.
• Persoas en situación de dependencia, que vivan soas ou que o seu coidador principal non poida exercer adecuadamente o seu rol por atoparse baixo os efectos da enfermidade.
• Persoas con problemas de saúde crónica e/ou persoas con discapacidade e mobilidade reducida.
• Ausencia de apoio familiar e/ou social.
• Inadecuada rede de apoio familiar e/ou social
• En situación de fraxilidade por dispoñer de factores de risco sanitario.

Horario de funcionamento do 010: de 8.00 h a 20.00 h
Fóra de ese horario:
• Protección Civil: 981 54 31 05
• Policía Local: 981 54 23 23

TÍCKET ESPECIAL DE COMPRA

* Calquera persoa que se atope en situación de vulnerabilidade e que non poida adquirir alimentos e/ou produtos básicos pode solicitar axuda aos servizos sociais municipais a través do teléfono 010.

* O Concello facilitaralles un TÍCKET ESPECIAL DE COMPRA, que poderán empregar para obter comida e outros artículos de primeira necesidade nos seguintes establecementos:

El Corte Inglés – Hipercor
Eroski Center Choupana
Familia República Arxentina
Aquié
Froiz Frei Rosendo Salvado
Froiz praza do Toural
Supermercado Marisol (rúa Ordes, 1. Pontepedriña)
A Horta da Avoa (Travesa Carme de Abaixo, 1)
Carrefour As Cancelas
Frutas Sita (Quiroga Palacios, 57)
Gadis Os Concheiros
Gadis Vista Alegre
Gadis Meixonfrío
Gadis Montero Ríos
Gadis Fernando III
Gadis Doutor Teixeiro
Gadis Rúa Nova Abaixo
Alimentacion Obdulia. Super Melia (Quiroga Palacios, 69)
Alcampo
Supermercado Taygon (Avenida de Castelao, 24. Vite)
Día Polígono Costa Vella
Día Vidán
Día Concheiros
24 H De Noche (Fernando III, 13)

* AQUELES SUPERMERCADOS E TENDAS DE BARRIO, así como as demais cadeas alimenticias, QUE QUEIRAN COLABORAR DEBERÁN POÑELO EN COÑECEMENTO DO CONCELLO A TRAVÉS DO DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS (no teléfono 981 54 24 65, en horario de 9.00 h a 14.00 h de luns a venres, ou no correo electrónico ssociais@santiagodecompostela.gal).

SERVIZO DE TAXI PARA PERSOAS EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE SOCIAL

Poden beneficiarse deste servizo as persoas en situación de vulnerabilidade social empadroadas en Santiago de Compostela que carezan de medios de transporte propios, e máis concretamente: persoas cunha discapacidade recoñecida que afecta a súa mobilidade, dificultándolle a utilización de transportes públicos colectivos; persoas con discapacidade visual recoñecida que implique un grao de limitación da actividade igual ou superior ao 75%; e persoas con discapacidade e persoas maiores residentes na contorna rural do municipio, que debido ás restricións do servizo de transporte público de viaxeiros non poden desprazarse a outros lugares polos seus propios medios.

A través do teléfono 010 recóllense as solicitudes de transporte e tramítanse a través do departamento de Servizos Sociais. Se cumpren os requisitos, remítense as asociacións de taxistas, que van buscar aos/ás beneficiarios/as aos seus domicilios. Será o Concello quen abone ás asociacións de taxi o custo dos servizos prestados.

USO DAS FONTES PÚBLICAS

O Concello recomenda non facer uso das fontes públicas como prevención fronte ao COVID-19. Por isto, colocaranse carteis informativos nas fontes públicas recomendando que non se usen estas para beber en prevención do COVID-19 mentres dure a crise sanitaria. Cómpre lembrar que nestas instalacións as mans e a boca poden entrar en contacto coa superficie das billas e outros elementos das mesmas, polo que non se pode garantir a ausencia de COVID-19.

Esta medida adóptase en cumprimento da Orde SND/274/2020, pola que se adoptan medidas en relación cos servizos de abastecemento de auga de consumo humano e de saneamento de augas residuais, norma que resulta de aplicación a todas as entidades, públicas e privadas, que prestan ou contribúen a prestar o servizo de abastecemento de auga de consumo humano á poboación.

DEPÓSITO DO LIXO E XESTIÓN DE RESIDUOS

O Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Medio Ambiente; Urbaser, empresa concesionaria da recollida do lixo; e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), destino final dos residuos, comunican á cidadanía que, durante o período de confinamento domiciliario pola pandemia do coronavirus, deben extremarse os coidados á hora de depositar os residuos domésticos que se xeran.

Por un lado, segundo a Orde Ministerial publicada no BOE nº 79 do pasado 22 de marzo, os Equipos de Protección Individual (EPI's) dun domicilio onde viva unha persoa infectada deben depositarse no colector verde de "resto", seguindo as seguintes indicacións: bolsa 1, na que se depositan os EPI's do enfermo contaxiado; bolsa 2, na que se depositan os EPI's do coidador e a bolsa 1 ben pechada; bolsa 3, na que se depositan todos os residuos do domicilio e a bolsa 2 ben pechada. A bolsa 3, ben pechada, debe depositarse no interior do colector verde de "resto", nunca en colectores de reciclaxe como cartón, envases lixeiros ou vidro. Como medida de seguridade, adoptouse a decisión de deixar os colectores de carga traseira coa tapa aberta.

Prégase aos/ás cidadáns/ás non deixar nunca bolsas fóra dos colectores e respectar o horario de depósito, a partir de las 21:00 horas (domingo a venres).

Por outro lado, queda suspendida a recollida de enseres domiciliarios mentres dure o Estado de Alarma, polo que a cidadanía non deben deixar estes residuos abandonados xunto aos colectores, nin tampouco nos Puntos Limpos.

Finalmente, intensificáronse as tarefas de lavado de colectores e papeleiras, así como o rego e baldeo de rúas, conforme a esta nova situación. Solicítase a colaboración da cidadanía para axudar a manter a cidade o máis limpa e hixiénica posible.

ESTACIONAMENTO ZONA ORA

O acordo da Xunta de Goberno do 22 de maio de 2020 establece:

1. Manter como zonas de libre estacionamento as prazas de estacionamento regulado de longa duración, nas que non se esixirá nin a obriga de rotación de vehículos nin o pago por estacionamento. Son as prazas dos aparacamento de Campus Sur, Pontepedriña e avenida de Ferrol.

2. Restablecer o pago da ORA nas prazas de aparcamento, incluídas na zona xeral de estacionamento.

TRANSPORTE PÚBLICO

A partir do luns 11 de maio amplíanse os servizos de transporte urbano. Mantense un servizo continuo e de garantía nas liñas que cobren os centros hospitalarios, favorecendo os desprazamentos non so aos/ás usuarios/as, senón ao conxunto do persoal sanitario.

No resto de liñas de transporte urbano que se manteñen activas establécense servizos que garantan os desprazamentos a primeira hora, mediodía e noite.

TODA A INFORMACIÓN AQUÍ

Ademais, adóptanse as medidas hixiénico – sanitarias que se expoñen a continuación:

1. Manterase a obrigatoriedade de entrar polas portas traseiras. Non se permitirá acceso ao/á condutor/a, estará "illado/a" da pasaxe por una mampara.

2. Os asentos estarán marcados de xeito que non poidan sentarse dous usuarios ou usuarias xuntos/as. Así mesmo e a través de cartelería lembrarase o obrigado distanciamento social de dous metros.

3. O aforo máximo seguirá sendo de 30 pasaxeiros/as.

4. É obrigatoria a utilización de máscaras.

5. Manteranse os tres puntos de recarga de títulos de viaxe e non se permitirá o pago en efectivo no autobús.

6. Con respecto á xente maior, recomendarase que segundo entren, se sitúen á dereita do vehículo (cartelería).

7. Instalaranse dispensadores de xel hidroalcohólico.

8. Incrementarase a limpeza e desinfección dos vehículos.

- Desaconséllase o uso do transporte público urbano aos seguintes grupos de poboación:

1) persoas especialmente vulnerables ás infeccións respiratorias ou que teñan persoas destas características no seu contorno próximo;

2) persoas que presenten síntomas respiratorios ou que crean que teñen probabilidade de infección;

3) mulleres embarazadas.

- Queda limitada a presenza simultánea nos autobuses do servizo a un máximo de 30 persoas, incluído o condutor do vehículo ou persoal adscrito ao servizo.

PLAN DE EMERXENCIA MUNICIPAL

Queda actitvado o Plan de Emerxencia Municipal do Concello de Santiago de Compostela (PEMU)

PRAZOS ADMINISTRATIVOS

Durante o prazo de vixencia do estado de alarma declarado por RD 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma quedan interrompidos os prazos de todos os procedementos administrativos tramitados polo Concello de Santiago de Compostela.

Así mesmo, tamén quedan suspendidos os prazos de prescrición e caducidade de todos os procedementos administrativos.

O cómputo dos prazos reanudarase cando deixe de estar vixente o estado de alarma.

COMERCIO

O Concello pon en marcha tres das convocatorias previstas para o apoio ao comercio previstas no Plan Marco de Reactivación Económica. Trátase de axudas para o pago de xuros en operacións de crédito, para a mellora e innovación do comercio local e para cheques de consultoría. En total, as tres liñas suman un crédito inicial de 410.000 euros, ampliable ata o millón de euros. As solicitudes deberán realizarse no prazo de 20 días hábiles, a contar dende o día seguinte á publicación das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Máis información aquí

PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello pon en marcha unha convocatoria de axudas para autónomos e pequenas empresas destinadas a facer fronte aos xuros das operacións de crédito concertadas para a obtención de liquidez. Estas achegas son complementarias aos créditos ICO e aos créditos do IGAPE. A contía da subvención será o 75% do aboado en concepto de xuros anuais, co límite de 1.000 euros por persoa ou empresa beneficiaria.

Máis información aquí

TURISMO

Convocatoria de axudas para a mellora e innovación da restauración e hospedaxe compostelá, á que o Concello de Santiago destina 100.000 euros, ampliables noutros 300.000 en función da demanda. A principal finalidade destas subvencións é fomentar a innovación na restauración e hospedaxe de Santiago, como ferramenta fundamental para incrementar a súa competitividade empresarial e facilitar a adaptación ao novo contexto económico derivado da COVID-19. Toda a información sobre esta convocatoria pode consultarse aquí.

EDUCACIÓN

- Decreto de uso dos comedores escolares

- Novos prazos de solicitude de ingreso nas escolas infantís municipais e na Escola Municipal de Música.

- Ponse en coñecemento dos centros escolares, profesorado e familias que se anula a XX Campaña Municipal de Animación á Lectura "O can de Milu", que estaba previsto celebrar entre o 24 de marzo e o 9 de maio, ata novo aviso.

- Peche, a partir do luns 16 de marzo de 2020, das escolas infantís xestionadas polo Concello (Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños).

- O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora, que convocan o XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, comunican que, ante a pandemia mundial de COVID-19, prorrogáse o prazo de envío de obras ata o 15 de xuño.

IGUALDADE

Quedan suspendidas as actividades organizadas pola área de Igualdade.

CENTROS SOCIOCULTURAIS

Quedan suspendidas as actividades organizadas polo Concello nos centros socioculturais, na Escola Municipal de Música e nos restantes equipamentos municipais.

DEPORTES

Quedan suspendidas as actividades deportivas que se realicen nas instalacións de titularidade municipal ou promovidas polo Concello.

OUTROS

- Quedan suspendidos os cursos de formación e obradoiros de emprego organizados polo Departamento de Promoción Económica e Emprego.

- Por razóns de hixiene e seguridade, quedan deshabilitados aqueles semáforos que funcionan premendo co dedo

Co obxectivo de frear o avance do COVID-19, o Concello de Santiago adoptou os acordos e medidas que se poden consultar nos seguintes enlaces:

Compartir: