TRAPSA

Entregáronse os premios do Primeiro Concurso de Relatos Curtos

11/05/2005 A cafetería do Hostal dos Reis Católicos acolleu a entrega dos premios do Primeiro Concurso de Relatos Curtos, nun acto ao que asistiron o concelleiro de Transportes, representantes de Tussa e de Trapsa e os membros do xurado Bieito Iglesias e Dolores Vilavedra.

Unha narración sobre o subconsciente de Adrián González Sieira, un mozo compostelán de 16 anos, foi o traballo gañador do primeiro concurso de relatos curtos organizado polo Concello de Santiago en colaboración con Trapsa, a empresa concesionaria do transporte urbano.

O autor de "Crónica dunha infancia esquecida" levou como premio un ordenador persoal, mentres que o segundo premio, que recau no conto titulado "Un micromundo", de Sabela Aldrey Dono, foi compensado cunha cámara dixital. Un bono para viaxar gratuitamente durante tres meses no transporte urbano foi o premio para Francisco Javier Rego Mosquera, que presentou un texto co nome de "Apocalipse".

O xurado estivo formado por representantes de Tussa, Trapsa, o concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga e os profesores Bieito Iglesias e Dolores Vilavedra.

Ademais, os tres contos recompilaranse nunha publicación que se distribuirá no transporte público de Santiago coincidindo coa celebración do "Día das Letras Galegas". Preparase unha edición de oito mil libros que se repartirán de balde nesa data. Ata ese día, os relatos pódense descargar no documento que se axunta de seguido.

Compartir: