CULTURA

Sons da Diversidade comezou a súa cuarta edición coa presentación do último disco do grupo galego Milladoiro

26/02/2007 O ciclo de música Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura, comezou o sábado 24 de febreiro a súa cuarta edición, coa presentación do último disco do grupo galego de música folk Milladoiro. Esta primeira parte do 2007 traerá até o vindeiro mes de xuño á nosa cidade a artistas da talla de Khaled, Sara Tavares, Adriana Calcanhotto ou Dominique A.

En todas as edicións de Sons, dende o 2004, sempre tivo presencia a música de Galicia, pero non pola súa procedencia senón pola súa calidade. O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, apunta que as producións galegas están no programa "por dereito propio". Deste xeito, este ciclo de música é tamén unha plataforma a partir da cal as nosas producións recorren o camiño de Santiago de xeito inverso e acaben estando presentes no mundo enteiro.

É o caso de Milladoiro, encargado de abrir a cuarta edición de Sons, na que presentou o seu último traballo "Unha estrela por guía", co que suma nos máis de 28 anos de historia un total de vinte discos propios, alén doutras colaboracións con diversas artistas.

"Unha estrela por guía" serve de homenaxe ao poeta galego Manuel María no que Milladoiro puido reencontrarse nalgúns casos, noutros lembrar, e en moitos descubrir, os mil homes posíbles que habitaban neste artista: dende o home de amor á súa muller, Saleta, ata o home de amor ao seu país, Galicia, amor de compromiso no verso e na acción, pasando polo home que fixo bandeira do noso idioma.

Nos vindeiros meses...

Pero as actuacións de Sons continuarán tamén no mes de marzo coa chegada a Compostela do rei da música raï, Khaled, o día 24 para presentar o seu último disco "Ya rayi". Este artista alxerino é recoñecido por unanimidade polos seus éxitos, tal como Didi e Aïcha. A súa música é unha invitación para embarcarse nunha viaxe arredor do mundo, onde a música raï se mestura de forma alternativa co reggae, o funk, o flamenco, o calipso e ata os cantos de Europa do Leste.

Khaled acendeu a chama do raï pop moderno alá polos anos 70. Converteuse nun músico portavoz de toda unha xeración que nacera no medio da euforia e da esperanza que chegou coa independencia de 1962. Esta xeración demandaban liberdade para falar das súas frustracións, do sexo, do alcol, do servizo militar e do exilio. O raï converteuse entón no vehículo idóneo para expresarse e este artista alxerino erixiuse no seu abandeirado.

O mes de abril traerá tamén á nosa cidade a unha artista de remarcado renome como é o caso da portuguesa Sara Tavares. A solista do noso país veciño comezou a súa andaina artística aos 16 anos, nun concurso de televisión que a levou a representar a Portugal no festival de Eurovisión un ano máis tarde.

Este feito fixo que Sara Tavares gravara un primeiro disco en clave de soul e gospel anglosaxón ademais de poñer voz a algunha canción da factoría Disney. Tan só un par de anos despois comezou a colaborar con artistas da relevancia de Alá dos Namorados e a figurar en producións xunto a Gaiteiros de Lisboa ou Rui Veloso; tamén foi convidada polo gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño a participar no seu "Zume de Terra".

Actualmente Sara está presente no núcleo dos novos artistas máis interesantes do panorama musical portugués e o seu novo traballo foi definido como unha aproximación musical entre Cabo Verde, Brasil e Portugal. "Balancê" é o traballo con 13 temas no que Sara Tavares pon fin a 5 anos de silencio. Un conxunto de emocións transmitidas a través da música: unhas, máis solares, invitan á danza; outras, de carácter máis lunar, convidan ao oínte á introspección.

Adriana Calcanhotto será a encargada de continuar con Sons da Diversidade no mes de abril, facendo un repaso pola súa excepcional carreira discográfica. Foi unha das artistas revelación da música popular brasileira dos anos noventa, tarefa moi complicada pois sobresaír nun país tan musical como Brasil só está ao alcance daqueles talentos que desbordan personalidade. Adriana é unha cantautora con luz propia, unha excelente creadora de cancións.

A artista brasileira conta historias que conseguen enganchar a todo aquel que as escoita. Coa súa guitarra e a súa voz, a artista conseguiu converterse nunha das artistas máis recoñecidas internacionalmente de todo Brasil. En abril de 1990 aparece "Enguiço", o seu álbum debut, que presentou cunha xira por todo Brasil e pola que foi a revelación musical do ano. A partir do 94, grava cinco discos cos que obtivo grandes éxitos mundiais e que agora nos presenta en Compostela.

Por último, a primeira parte de Sons, nesta edición do 2007, rematará no mes de xuño coa actuación do francés Dominique A. O artista galo mostrará o seu último traballo "L´horizon" no que a súa voz, á que ás veces pareceu difícil darlle un lugar, libérase. Tras a súa fiel guitarra impóñense, aquí e alá, un piano sutil, coros arrebatadores e concisos arranxos de metais.

Dominique A é un melancólico, pero desa melancolía tan indispensábel como a beira do mar. Unha melancolía que se impregna, en L'horizon de ambientes crepusculares, de gozosos voos líricos. Cando a canción francesa se afoga no afán de recrearse nos seus tópicos, Dominique A dálle aire, ábrea a grandes espazos. Inventa aventuras novelescas, historias emocionantes sometidas á esixencia dunha escritura que se desprega, que afonda, que conta e que soña.

Sons da Diversidade, como se pode observar, caracterizarase nesta edición pola súa variedade programática e estilística. Nas súas catro edicións, teñen pasado por Santiago 36 artistas de 18 países diferentes, actuando ante máis de 20.000 persoas que se achegaron ao Auditorio de Galicia para contemplar as correntes musicais doutras culturas. Nesta ocasión as compostelás e os composteláns poderán acercarse un pouco máis á identidade cultural do Brasil, Portugal, Francia ou Alxeria, alén da nosa propia, con Milladoiro.

Compartir: