CULTURA

Ananda Dansa repasa no Principal 25 anos de traxectoria

26/02/2007 "Alma" é o novo espectáculo da compañía Ananda Dansa, que estará no Teatro Principal o martes 27 e o mércores 28 de febreiro. Nesta actuación repasan os seus 25 de traxectoria.

Nesta obra, Ananda Dansa afonda na viaxe como experiencia, na madurez e na ledicia de vivir o paso do tempo "co pensamento alto e a limpa emoción do espírito". O espectáculo afronta os retos da memoria tanto das creacións como do seu porqué, facendo un percorrido por 25 anos de España, polos seus principais acontecementos, xentes e costumes.

A obra ten tres partes: unha que fai unha mirada aos 80, outra que lembra con nostalxia as persoas que se botan en falta e outra que se remite ao presente. E todo dende unha linguaxe actual, que amosa a evolución coreográfica da compañía neste tempo. "A nosa é unha danza contemporánea moi próxima ao público", apunta Rosángeles Valls, directora de Ananda Dansa.

Nos dezaoito espectáculos que levan dende a súa fundación, na temporada 81-82, trataron temas como a guerra civil española, o terrorismo ou a educación sentimental da muller baixo a ditadura. Para iso, adaptaron á linguaxe da danza a referentes como Bertolt Brecht, Mary Shelley, James Barrie ou Cole Porter. Neste tempo, Ananda Dansa foi construíndo e depurando unha linguaxe propia, recoñecida polo público e pola crítica. Galardóns coma o Premio Nacional de Danza en 2005 dan conta disto.

Compartir: