XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os prazos de reserva, admisión e matrícula das escolas infantís municipais e da Escola de Música

24/02/2020 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou a apertura dos prazos de reserva de praza, admisión de novo alumnado e matrícula nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2020-2021. Tamén se deu o visto bo aos prazos e o procedemento para cursar estudos na Escola Municipal de Música.

En canto ás escolas infantís municipais, establécese un prazo de reserva de prazas e traslado do alumnado actual e dos/das traballadores das EIM que vai do 2 ao 11 de marzo. As listas provisionais de reservas e prazas vacantes exporanse ao público o 16 de marzo, abríndose ao día seguinte, 17 de marzo, e ata o 17 de abril, o prazo de admisión de solicitudes de novo ingreso. A lista provisional de admitidos/as e de agarda publicarase entre o 4 e o 12 de maio. Tras o prazo de 10 días para reclamacións, publicaranse as listas definitivas (entre o 27 de maio e o 29 de maio). O período de matrícula para todo o alumnado estará comprendido entre o 1 e o 15 de xuño.

Escola Municipal de Música
A Escola Municipal de Música tamén abrirá en breve o seu procedemento de admisión de alumnado para o curso 2020-2021. Para o alumnado actual do centro, o 30 de marzo publicarase a relación de prazas extraordinarias de instrumento e abrirase, ata o 3 de abril, a preinscricion de alumnado de iniciación musical II. Realizarase un sorteo público interno o 15 de abril. O alumnado de música e movemento, PEX e PEPA poderá renovar a súa praza do 27 de abril ao 8 de maio. A relación de vacantes desta primeira convocatoria publicarase o 15 de maio.

A preinscrición para novo alumnado (1ª convocatoria) realizarase do 18 de maio ao 5 de xuño. Efectuarase un sorteo o 16 de xuño de haber máis solicitudes que prazas. A partir do 17 de xuño publicaranse as listas provisionais e, despois dos 10 días do período de reclamacións, exporase a relación definitiva de admitidos/as a partir do 29 de xuño. A matricula para os admitidos/as realizarase do 29 de xuño ao 6 de xullo.

Cómpre lembrar que o prezo da matrícula anual é de 59,50 euros. As cotas mensuais son as seguintes: 35,65 € para iniciación (música e movemento) e formación básica (música e movemento II); 53,50 € para práctica instrumental (curso completo) PEX ou PEPA; 42,80 € para práctica instrumental + actividades instrumentais de conxunto; e 35,65 € para formación musical complementaria á práctica instrumental (linguaxe musical).

Estacionamento en San Lázaro
Na xuntanza deste luns, o Goberno municipal tamén acordou a solicitude ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana da posta a disposición de terreos en A Brueira - San Lázaro, para poder destinalos a un aparcadoiro en superficie de uso público. Este é un dos estacionamentos disuasorios que o Concello quere habilitar con vistas ao Xacobeo 2021. Neste mesmo ámbito, tal como lembrou o alcalde, o Concello quere renovar para este fin disuasorio o estacionamento a carón do estadio de San Lázaro, que hoxe está "infrautilizado e deteriorado".

Cafetería na Granxa do Xesto
Outro dos acordos foi a autorización da explotación da cafetería situada no parque da Granxa do Xesto. O seu adxudicatario deberá aboar ao Concello un canon anual de 5.250 euros.

49 vivendas en San Marcos
Finalmente, no capítulo de licenzas, concedeuse unha para a construción de 49 vivendas unifamiliares encostadas na rúa do Peregrino, no ámbito do sector 1 do SUNP-31 de San Marcos.

Documentos relacionados



Compartir: