ALCALDÍA

O alcalde abordou con Santiago Centro o proxecto Peleteiro e a peonalización de Xeneral Pardiñas

20/02/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo reuniuse co presidente e co secretario do Padrodado de Fundación Santiago Centro, José Mª Fernández e Delmiro Prieto. No encontro tamén participou a concelleira de Urbanismo Mercedes Rosón. Entre os asuntos tratados figurou o proxecto Peleteiro, "un tema fundamental para a cidade", segundo o rexedor, que cre necesario desenvolver coa maior rapidez posible. "Gustaríanos, a partir do mes de abril, tomar decisións e poder iniciar ou reiniciar a tramitación dese proxecto", engadiu.

Aclarou que sobre este tema non hai discrepancias, porque "queremos que saia adiante o proxecto que máis dinamice o Ensanche". Mañá constituirase a comisión municipal, explicou, e "esperamos traballar conxuntamente cos axentes sociais e que isto posibilite un amplo consenso para sacar adiante a proposta de modificación do Plan Xeral".

Outro dos asuntos tratados foi, segundo explicou o alcalde, a proposta de estudar "a peonalización ou semipeanolización" da rúa de Xeneral Pardiñas. Unha idea que cualificou de atractiva e interesante, aínda que, explicou, "non se pode quitar de aí, aló menos de momento, o transporte público e os accesos aos garaxes e ás vivendas. Aposta por un plan piloto para o conxunto da rúa que se podería por en marcha ao longo do verán para "ver como funciona".

Delmiro Prieto indicou que na reunión se falou de "temas importantes para o Ensanche", como o proxecto de Peleteiro, a decoración de portalóns de garaxe e outras accións previstas con motivos alusivos ao Xacobeo, ou a "humanizacion da zona", coa peonalizacion da rúa Xeneral Pardiñas. Chema Fernandez asegurou que cómpre falar dos proxectos que se van presentar para a cidade: "temos o Xacobeo 2021 como o gran reto de Galicia, con centro en Santiago". Para o presidente de Santiago Centro, "hai que conectar dunha vez a zona monumental co Ensanche, hai que humanizar a cidade. As cidades son dos peóns e non dos coches", concluíu.

Compartir: