AUDITORIO

O Auditorio ofrece unha visión global da obra plástica de Luís Seoane a través de 45 dos seus óleos

26/02/2007 Un total de 45 óleos de Luís Seoane, a maioría deles pezas nunca expostas ata agora en Galicia, conforman a mostra "Luís Seoane, da costa de Circe á costa da Morte". A exposición inaugurarase o martes 27 de febreiro e permanecerá no Auditorio de Galicia ata o 29 de abril.

Na presentación da mostra, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, agradeceu á familia Alcalde Varela a cesión destes óleos "para que puideran ser expostos en público e dar así unha visión global de Luís Seoane". Tamén expresou o agradecemento a comisaria da mostra, Rosa Espiñeira, que resaltou o carácter "único" desta exposición, con óleos realizados polo artista en Bos Aires e que abarcan dende a época inicial ata 1978.

Na mostra, os óleos de Luís Seoane compleméntanse con versos dos seus poemas e tamén cunha serie de fotografías en branco e negro. A exposición nace tamén cun catálogo que recolle os cadros exhibidos.

O xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez, anunciou tamén que con esta exposición se abre o programa didáctico do Auditorio, en colaboración con Consello Social da Universidade. Participarán estudantes de segundo e terceiro ciclo de Historia da Arte e permitirá que os centros de ensino pasen a visitar esta mostra en quendas de mañá ou tarde.

Compartir: