XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a obra de reurbanización da rúa Clara Campoamor

17/02/2020 A Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación da devandita obra, segundo anunciou o rexedor compostelán na rolda de prensa posterior á sesión ordinaria, onde tamén deu conta dos restantes acordos adoptados.

O contrato foi adxudicado á empresa Acciona Infraestructuras SA por un importe de 1.155.192, 13 euros máis IVE (242.590,35 euros). Segundo indicou Sánchez Bugallo, "o obxectivo é que a obra comece a primeira semana de marzo, ou antes se se pode" e estea rematada para o 1 de agosto.

Tamén no apartado de obras, aprobouse o proxecto de acondicionamento do trazado de ferrocarril en desuso Santiago-A Coruña para uso como vía verde. O contrato para a adaptación da vía no termo de Santiago de Compostela contará cun orzamento máximo de licitación de 1.318.483,33 euros máis IVE e un prazo de execución dun ano.

Parques e xardíns
A proposta da concelleira de Parques e Xardíns, acordouse a apertura do prazo para a presentación das solicitudes de renovación das concesións de uso das hortas municipais de Fontiñas-Cotaredo. As persoas que na actualidade teñan concedida a devandita autorización poderán solicitar a súa renovación presentando o impreso de solicitude debidamente cuberto e o DNI no rexistro xeral do Concello, sito na rúa Galeras, ou no centro sociocultural do Ensanche.

Educación
Nesta sesión deuse conta da concesión dunha subvención dentro Plan Concertado de Servizos Sociais para as Escolas infantís municipais durante o ano 2019 por un importe de 78.200 euros. Tamén a proposta da concelleira de Educación, acordouse a desestimación das alegacións presentadas pola empresa ESPROADE SL ao desistimento do procedemento de contratación do servizo de dirección pedagóxica, docencia e organización das actividades da Escola municipal de Música, mantendo a vixencia do acordo adoptado o 9 de decembro de 2019. Así mesmo, reitéraselle á empresa o dereito que lle asiste a ser indemnizados polos gastos ocasionados no procedemento de licitación. En paralelo a este acordo adoptouse o de aprobar a a orde de impulso para proceder á maior brevidade posible á devandita contratación administrativa e declárase a urxencia do procedemento.

Urbanismo
A proposta da concelleira de Urbanismo, acórdase o inicio do procedemento de equidistribución da área de execución integral AEI-Ea do PERI 2 (Conxo de Arriba), así como a aprobación inicial dos proxectos de estatutos e bases de actuación da Xunta de Compensación, que serán sometidos a información pública polo prazo dun mes.

Por outro lado, autorízase o uso gratuíto de dúas vivendas a ASPAS polo prazo de 4 anos para o desenvolvemento do programa de entrenamento "vida no fogar e na comunidade e de respiro e/ou emerxencia familiar". Transcorrido dito prazo valorarase o outorgamento dunha nova autorización.

Subvencións
Co obxectivo de fomentar o emprego e a inserción social de persoas en risco de exclusión, a XGL acordou a solicitude de tres subvencións á Xunta de Galicia para a posta en marcha dos programas "Santiago E-COM II", por unha cantidade de 184.252,20 euros; "Santiago Sustentable II" (27.570,04 euros); e "CREAS III" (62.406,42 euros).

Por último, acordouse ampliar nunha hora o horario de peche de locais a noite do 24 de febreiro (festas do Entroido) e as do 3 ao 13 de abril (Semana Santa).

Documentos relacionados



Compartir: