REHABILITACIÓN

O Concello selecciona o primeiro dos inmobles beneficiario do Programa de edificios tutelados

26/02/2007 Un inmoble situado na Rúa do Medio, 65, composto por tres vivendas, foi o primeiro seleccionado polo Concello para participar no novo Programa de edificios tutelados. As obras neste edificio terán un custo total de 518.788 euros.

Do total do investimento, o Consorcio de Santiago achegará 243.504 en concepto de subvención. O horizonte temporal do usufruto cífrase en 17 anos. Cómpre lembrar que, neste programa, o Concello encárgase de seleccionar os edificios beneficiarios. Outros dous edificios están a ser avaliados nestes momentos cara a súa inclusión no programa.

O Programa de Edificios Tutelados contempla a rehabilitación de certos edificios moi deteriorados que precisan dunha intervención importante. O investimento realizado nestes edificios, despois da elaboración dun proxecto e dun estudo económico, recuperarase a través da explotación do mesmo inmoble en réxime de aluguer. Posteriormente realizaranse os estudos técnicos e as estimacións dos custos, os acordos cos propietarios e, rematada a rehabilitación, o alugueiro dos pisos. O prazo mínimo fixado para a recuperación do investimento e no que, polo tanto, no se poderá cambiar o uso do inmoble é de 12 anos, se ben se pode estender en función da contía da intervención realizada

O orzamento destinado ao Programa é de medio millón de euros, e o límite do presuposto para as obras de rehabilitación chega aos 800 euros por metro cadrado e ao 60% do custo da intervención. Grazas a este proxecto, os cidadáns poderán acceder a alugueiros con prezos asequibles nun marco privilexiado como é a zona histórica.

Compartir: