ALCALDÍA

Sánchez Bugallo aposta pola creación dun consorcio para xestionar e coordinar o transporte metropolitano

13/02/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse este xoves co co alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Na xuntanza abordaron cuestións como a da circunvalación de Sigueiro, a Vía Verde ou o transporte metropolitano.

Sánchez Bugallo expresou a súa aposta por crear un consorcio que coordine e xestione o transporte metropolitano da área de Compostela, o cal, segundo dixo, move arredor dun millón de pasaxeiros ano ano. "Este órgano –explicou- contaría coa Xunta de Galicia como socio maioritario, na súa condición de titular das liñas, e coa participación proporcional dos concellos implicados en función do número de usuarios que achegan a este transporte metropolitano". Esta será unha cuestión que o alcalde quere abordar cos rexedores de Ames, Teo, Brión, Boqueixón, Vedra e Val do Dubra nunha reunión que prevé convocar para despois das eleccións autonómicas.

Nesta xuntanza tamén lles formulará a posibilidade de recuperar a Mancomunidade de Santiago. A este respecto, Sánchez Bugallo lembrou a utilidade da entidade no pasado, que permitiu, por exemplo, que a veciñanza da Barciela ou de Cesar teña subministro de auga e saneamento dende Oroso, ou que "10.000 veciños do Milladoiro teñan auga e saneamento procedente de Santiago". Citou igualmente o impulso pola Mancomunidade do transporte metropolitano ou a captación pola mesma de "14 millóns para o rural grazas á Agrupación de Desenvolvemento Rural Sar-Ulla".

Outro dos temas abordados na reunión foi o da circunvalación entre Sigueiro e Compostela, prevista nos plans xerais de ambos municipios. Se ben a prioridade de Santiago nestes intres son o orbital e o orbitaliño, que "tamén facilitarían o acceso dende o Oroso ao aeroporto", o rexedor compostelán garantiu a "plena colaboración" nesta reivindicación ante o Ministerio de Fomento.

Finalmente, os dous alcaldes queren retomar o proxecto da Vía Verde, que uniría Santiago, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda e que permitiría recuperar turística e ecoloxicamente a rede ferroviaria agora abandonada. Manuel Mirás lembrou que esta sería a "segunda Vía Verde posta en marcha en Galicia" e que se convertería nun "activo moi importante para o turismo e a sostibilidade".

Orzamentos 2020
O alcalde compostelán aproveitou a comparecencia ante os medios tras esta xuntanza para anunciar que o documento definitivo do Orzamento municipal será sometido á aprobación da Xunta de Goberno Local do vindeiro luns, 17 de febreiro.

Compartir: