ACCIÓN CULTURAL

O Grupo de Cidades Patrimonio aproba o seu calendario de eventos culturais, educativos e deportivos para 2020

11/02/2020 Este martes celebrouse un novo encontro da Comisión de Traballo de Educación, Cultura e Deporte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, no que se aprobou o novo calendario de eventos para este ano 2020. Entre estes destaca a III edición da Noite do Patrimonio, que se celebrará de forma simultánea nas 15 cidades do grupo o 12 de setembro; o III Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio, o VII Ciclo de Música de Cámara e a VII edición do programa Aula de Patrimonio, destinado a escolares.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, asistiu a esta xuntanza, celebrada na sede da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en Madrid e presidida polo alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, coa coordinación das concelleiras de Cultura de Salamanca, María Vitoria Bermejo, e de Mérida, Silvia Fernández. Ademais, participaron os/as seguintes concelleiros/as: María Aranguren (Alcalá de Henares), Ángel Sánchez (Ávila), Beatriz Martín (Baeza), Fernanda Valdés (Cáceres), Blanca Torrent (Córdoba), Miguel Ángel Valero (Cuenca), Pep Tur (Eivissa), Yaiza López (San Cristóbal de La Laguna), Gina Aguiar (Segovia), Manel Castaño (Tarragona), Teodoro García (Toledo) e Elena Rodríguez (Úbeda).

A Noite do Patrimonio
Con motivo do 25 aniversario da creación do Grupo, en 2018 naceu A Noite do Patrimonio, un evento inédito en España, que se celebra de maneira simultánea nas 15 cidades, cun programa de actividades culturais e de participación cidadá, onde a danza contemporánea xoga un papel relevante, xunto co patrimonio e a súa función social.

O certame volveu celebrarse en 2019, con grande éxito e coa participación de miles de persoas, veciños/as e visitantes, que fixeron esa noite súas as rúas dos cascos históricos destas 15 cidades. Na terceira edición, que terá lugar o 12 de setembro, a apartado Escena Patrimonio incluirá 15 espectáculos de primeira categoría de danza contemporánea en espazos monumentais, seleccionados polo asesor artístico do Grupo, Lorenzo Papagallo, que se presentaron este martes na Comisión.

Ademais, cada cidade abrirá espazos patrimoniais esa noite e ofreceranse numerosas actividades culturais complementarias nos centros históricos, dentro das seccións Aberto Patrimonio e Vive Patrimonio.

VII Ciclo de Música de Cámara
O Ciclo de Música de Cámara alcanza en 2020 a súa VII edición e iníciase no mes de marzo en Eivissa. Durante seis anos, grazas á excelente relación coa Escola Superior de Música Reina Sofía, que dirixe Paloma O’Shea, o Grupo levou ás súas cidades concertos de música de cámara, interpretada por novos talentos que se forman neste centro, considerado un dos mellores do mundo.

Na reunión participou o director artístico da Fundación Albéniz e a Escola Superior de Música Reina Sofía, Juan Mendoza, co obxectivo de pechar o calendario e o programa dos 15 concertos que conformarán este ciclo, que se presentará o próximo mes en Madrid.

Preto de 20.000 persoas puideron gozar ao longo destes seis anos desta serie de concertos de máximo nivel, en espazos singulares como catedrais, igrexas, palacios, museos, mosteiros e outros edificios históricos.

Programa Aula de Patrimonio
Ademais, a comisión repasou o estado da VII edición de Aula de Patrimonio, un programa no que participaron preto de 9.000 escolares no últimos catro anos e que ten como obxectivo que os/as mozos/as valoren e coñezan as súas cidades e tamén as do resto de España que foron recoñecidas pola Unesco como Patrimonio Mundial. O prazo de inscrición de centros participantes das 15 cidades está aberto ata o 15 de marzo. A partir desa data, cada cidade presentará un candidato para o certame nacional.

III Circuíto de Carreiras
O Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade", que se desenvolve en colaboración con EDP e Paradores, celebra en 2020 a súa terceira edición. No encontro deste martes fixáronse as carreiras que formarán a serie e que se presentarán en Salamanca proximamente.

Compartir: