EDUCACIÓN

Escolares de Santiago celebran mañá o Correlingua

11/05/2005 A carreira pola lingua chegará o xoves 12 de maio a Compostela e nela participarán centos de nenos e nenas dos colexios da comarca.

Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

Nas últimas dúas semanas o Correlingua 2005 xa percorreu as rúas de Lugo, o Salnés, Narón, A Coruña, Burela, Pontevedra, o Baixominho, Vigo e rematará en Ourense pasado mañá venres. O lema escollido para esta edición "Galego: un bico na lingua", e como xa sucedeu noutras edicións, centos de mozos e mozas percorrerán as rúas máis céntricas da cidade nesta carreira non competitiva.

A saída desde a Praza da Quintana será ás 12:00 h da mañá para despois percorrer as seguintes rúas: rúa da Conga, rúa Nova, Cantón do Toural, rúa das Orfas, rúa da Caldeirería, rúa do Preguntoiro, praza de Cervantes, rúa da Troia, rúa da Fonte de San Miguel, rúa da Porta da Pena, rúa dos Xasmíns, rúa da Estila, avenida de Xoán XXIII, rúa de San Francisco, praza do Obradoiro, rúa de Fonseca, rúa de Xelmírez e volta á Praza da Quintana. A animación e a conducción do acto final na Praza da Quintana correrá a cargo de O Carruncho e tamén actuará ao grupo de rap Dios que te Crew.

Compartir: