XUNTA DE GOBERNO

O alcalde destaca o interese dos concellos lusos por impulsar os Camiños e confirma o irmandamento con Braga na primavera

10/02/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou o pasado venres na XXVIII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, que supuxo o regreso da cidade á Comisión Executiva deste organismo transfronteirizo. Na rolda de prensa para dar conta dos asuntos da Xunta de Goberno ordinaria deste luns, o rexedor aproveitou tamén para avaliar os resultados desta xuntanza, na que constatou o interese dos concellos lusos por impulsar os Camiños de Santiago. Ademais, confirmou que na primavera se formalizará o irmandamento coa cidade de Braga.

Sánchez Bugallo afirmou ter comprobado nesta Asemblea a importancia que teñen adquirido os Camiños de Santiago entre os municipios portugueses. "Todos os alcaldes e alcaldesas dos concellos lusos mostraron o interese por impulsar os Camiños e por participar no Xacobeo 2021", indicou.

Entre estes municipios interesados está Braga, cidade coa que está previsto formalizar o irmandamento neste primavera a través dun convenio de colaboración, segundo anunciou o alcalde. Salientou que "Santiago e Braga teñen moito en común e imos colaborar en eidos como a cultura, os Camiños ou as novas tecnoloxías". En particular, referiuse ás sinerxias que se poden crear como centros de referencia que son as dúas cidades no eido da biotecnoloxía e da madeira (Santiago) e da nanotecnoloxía (Braga).

Orzamentos
O rexedor aproveitou tamén a rolda de prensa para anunciar que o proxecto de orzamentos será aprobado esta semana en Xunta de Goberno, unha vez recibido o informe de Intervención e celebradas as últimas xuntanzas previstas nestes días. Aprobado en XGL, o documento ao completo será posto a disposición dos diferentes grupos municipais.

Xunta de Goberno
En canto á Xunta de Goberno celebrada este luns, o alcalde destacou a licenza provisional concedida para a edificación dun novo tanatorio en Boisaca. A empresa privada interesada deberá presentar o proxecto definitivo no prazo de seis meses.

Tamén se deu o visto bo á apertura do expediente para adquirir nova uniformidade para a Policía Local. Prevense varios lotes: lote A, de prendas de confección a medida, cun tipo de licitación de 41.950 euros; lote B, de complementos, por 37.827 euros; lote C, de calzado, por 18.540 euros; e lote D, de prendas para a auga, por 1.528 euros.

Na sesión deuse conta da concesión dunha subvención do Ministerio de Facenda por 437.174 euros para o servizo de transporte colectivo urbano interior. Lembrou o alcalde que isto apenas supón o 9% do custo que este servizo lle custa ao Concello, que cifrou en 4,8 millóns de euros anuais.

Finalmente, adxudicouse a Endesa Energía o contrato de subministración de electricidade en alta e baixa tensión, por un importe de 3.475.158,79 euros para os exercicios 2020 e 2021.

Documentos relacionados



Compartir: