ALCALDÍA

Santiago volve á Executiva do Eixo Atlántico

07/02/2020 Santiago de Compostela volve á Executiva do Eixo Atlántico despois de oito anos, coa presenza na mesma do alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen xogará un papel fundamental na negociación das infraestruturas co actual Goberno do Estado. Así quedou de manifesto na o XXVIII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, celebrada este venres na localidade portuguesa de Matosinhos.

A cohesión social, a crise demográfica e a captación de investimentos e talento centrarán os obxectivos do 2020 no marco do desenvolvemento da axenda Urbana do Eixo Atlántico, tal como acordouse nesta XXVIII Asemblea Xeral, que reuniu os alcaldes dos 35 alcaldes galegos e portugueses que a integran e na cal se produciu a incorporación a esta asociación transfronteiriza do municipio coruñés de Culleredo e da cidade lusa de Póvoa de Varzim. Ademais, aprobouse un orzamento de 3,9 millóns de euros para o presente exercicio.

A captación de investimentos e talento será un dos eixos da estratexia do Eixo Atlántico, xa que para fixar poboación na Eurorrexión é preciso atraer novos investimentos que xeren emprego e tecido económico-empresarial que atraia talento e permitan á poboación establecerse e fixarse no territorio. Xunto a estas dúas liñas de traballo, únense a cohesión social e a crise demográfica.

A crise demográfica do interior da Eurorrexión supón un menor peso político nas decisións, ao contar con menor representación en número de deputados por unha menor poboación. Neste sentido, está a deseñarse unha estratexia con solucións que serán remitidas tanto aos gobernos de España e Portugal como á Xunta de Galicia. Así, o Eixo Atlántico publicou un informe sobre a situación demográfica da Eurorrexión, que constitúe unha radiografía do territorio e un diagnóstico da situación actual cunha proxección ata o ano 2040.

No ámbito das infraestruturas manteranse reunións cos ministros responsables das obras públicas de España e Portugal para o seguimento das actuacións previstas no 2º Paquete de Infraestruturas, paralizadas polos procesos electorais de ambos os países, para concluír ou avanzar obras como o bypass de Braga, o saída sur de Vigo ou o corredor do Atlántico, no ámbito ferroviario; e as conexións viarias entre Ponferrada-Barco de Valdeorras-Monforte-Ourense, o tramo pendente da conexión Lugo-Santiago e a mellora da estrada que une Bragança con Puebla de Sanabria.

Compartir: