ALCALDÍA

O Consello Asesor de Condecoracións ratifica a concesión da Medalla de Ouro da cidade ao Colexio de Avogados de Santiago

05/02/2020 O salón verde da Casa do Concello acolleu a constitución do Consello Aesor de Condecoracións. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu o acto de formación deste órgano, do que nesta lexislatura forman parte o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte; e os concelleiros José Antonio Constenla, do Partido Popular; Martiño Noriega, de Compostela Aberta, e Navia Rivas, do Bloque Nacionalista Galego, ademais do secretario municipal, José Ramón Alonso.

Nesta primeira xuntanza ditaminouse favorablemente a concesión da Medalla de Ouro da cidade ao Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, que o pasado 16 de novembro de 2019 celebrou o 175 aniversario da súa fundación. O outorgamento desta distinción fora aprobado por unanimidade no Pleno da Corporación do 27 de novembro.

Nesa moción plenaria recordábase que a institución foi creada o 16 de novembro de 1844 por apenas 20 integrantes, moi lonxe dos case 1.500 membros que conforman hoxe a organización. A Corporación recoñece o traballo do Colexio para que "Compostela tivese un maior peso institucional e xudicial no país", e tamén o seu compromiso en "todas as reivindicacións de novos órganos xudiciais para a nosa cidade" e "ao servizo dos intereses da capital galega". Ademais, valórase a súa colaboración no "asesoramento en materia de xustiza gratuíta ou desafiuzamentos a diferentes colectivos", un labor que recalca "a súa vocación co benestar dos cidadáns de Compostela".

Irmandamento con Braga
O Consello Asesor de Condecoracions tamén emitiu o seu ditame positivo á continuación dos trámites para o irmandamento de Santiago de Compostela coa cidade portuguesa de Braga. Esta proposta tamén fora ratificada por unanimidade dos catro grupos municipais na mesma sesión plenaria do 27 de novembro, co obxectivo de "fortalecer as relacións entre as dúas cidades, concretamente nas áreas económica, turística e cultural, aproveitando os recursos que existen en ambos concellos".

A proposta de irmandamento incide no interese de Santiago de Compostela, como hub de innovación, por potenciar "áreas comúns entre os dous concellos nas ciencias da saúde, a biotecnoloxía e a nanotecnoloxía, como eixes de captación de investimento a nivel internacional". Tamén se alude á cooperación cultural, citando o interese de Braga por contar con Santiago na programación da Capitalidade da Cultura do Eixo Atlántico que asume en 2020. Finalmente, o documento aprobado refírese á cooperación turística, subliñando o gran número de turistas estranxeiros/as que, pasando por Braga, percorren o Camiño de Santiago.

Ademais, a proposta de irmandamento lembra que tanto Santiago de Compostela como Braga son "cidades históricas, referentes para toda a humanidade, cidades patrimoniais e universitarias, que teñen historias paralelas que configuran o seu senso no pasado e na actualidade".

O Consello
O funcionamento do Consello Asesor de Condecoracións réxese polo fixado no Regulamento de Títulos, Honras e Condecoracións do Concello de Santiago, aprobado polo Pleno o 24 de maio de 2018. No órgano están representados todos os grupos da Corporación e os seus acordos, que requiren maioría absoluta para a súa aprobación, son sometidos ao Pleno.

Compartir: