FEIRAS

O Pazo de Congresos acolle esta fin de semana a VII edición da Feira de Antigüidades

24/01/2020 O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, e a responsable da organización do evento, Marycruz Madrid, deron conta en rolda de prensa dos detalles desta edición, que abre hoxe venres e remata o vindeiro domingo 26.

Quen se achegue esta fin de semana ao Pazo de Congresos poderá disfrutar dun amplo abano de obxectos, desde os máis pequenos como xoias ou xoguetes ata os de maior evergadura, como os mobles. Segundo indicou a responsable do evento haberá "miles de pezas para todos os públicos e todos os bolsillos" e non só se poderá comprar: quen queira vender algún obxecto ten unha boa oportunidade para facelo na feira, xa que os expositores son tanto vendedores coma compradores.

Marycruz Madrid indicou que se trata dun evento para toda a familia onde os máis pequenos poderán ver obxectos antes cotiás que agora deixaron de selo. "Invitamos a todo o mundo a esta viaxe ao pasado", sinalou.

En total serán 51 expositores chegados de distintas partes de España e tamén de Portugal, Francia e Inglaterra, que se poderán visitar hoxe venres de 17 h a 21 h, e o sábado e o domingo en horario de 11 h a 14.30 h e de 16.30 h a 21h.

O concelleiro Gonzalo Muíños invitou a composteláns e visitantes a non deixar pasar esta oportunidade e agradeceu aos organizadores que tiveran pensado en Santiago para celebrar esta sétima edición da Feira de Antigüidades, Coleccionismo e Vintage.

Compartir: