TURISMO

O Grupo de Cidades Patrimonio presenta en Fitur o Plan de acción anual con Paradores

23/01/2020 As Cidades Patrimonio da Humanidade de España desenvolven, como vén sendo habitual, un programa conxunto en Fitur, onde celebrarán a súa Asemblea xeral e presentarán o Plan de acción anual con Paradores. A ambos eventos, que terán lugar o venres 24 de xaneiro, asistirá o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, asociación formada polas cidades de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda, desenvolverá unha intensa axenda no marco de FITUR 2020, a feira internacional de turismo que abre as súas portas do 22 ao 26 de xaneiro no recinto de IFEMA en Madrid e nesta edición celebra o seu 40 aniversario.

Os días 22 e 23 de xaneiro, nas xornadas reservadas a profesionais, o Grupo mantivo reunións cos conselleiros de Turismo e os directores das Oficinas Españolas de Turismo de Turespaña no estranxeiro para coordinar as accións internacionais, así como con outras entidades e colaboradores para xestionar promocións conxuntas. Así mesmo, o Grupo participa en distintos foros técnicos e profesionais que teñen lugar no marco de FITUR organizados por Exceltur, Madrid Destino e a Organización Mundial do Turismo.

Reunión da Asemblea de alcaldes e alcaldesas do Grupo
O día 24 celebrarase ás 10,00 horas na caseta de Illas Baleares, a Comisión Executiva do Grupo (integrada polos alcaldes das cidades de Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna e Cuenca). Posteriormente, ás 10.15 horas, celébrase a Asemblea de alcaldes do Grupo, máximo órgano de goberno da rede, á que asistirán os 15 rexedores destas cidades incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Presentación do Plan de Acción Anual con Paradores
Ás 11.30 horas do venres 24 de xaneiro, na caseta de Paradores do Estado, presentarase o Plan de Acción 2020 froito da renovación do convenio de colaboración entre a cadea hostaleira e o Grupo, con presenza do presidente de Paradores, Óscar López; o presidente do Grupo e alcalde de Eivissa/Ibiza, Rafael Ruiz, e os alcaldes e concelleiros de Turismo das Cidades Patrimonio.

En virtude do convenio que se renovará, ambas as entidades, cuxa colaboración se iniciou en 2005, continuarán organizando en 2020 accións conxuntas que fomentarán o turismo cultural e darán a coñecer o patrimonio dos destinos que integran a Asociación que dispoñen dun aloxamento da Rede. A colaboración concretarase na participación en presentacións conxuntas internacionais, a organización de viaxes de familiarización para coñecer os destinos patrimoniais, accións ao redor da sustentabilidade, concursos e campañas a desenvolver no marco das redes sociais, promocións de ofertas para o público e vantaxes para os Amigos de paradores. Ademais, Paradores colaborará en dous dos programas máis destacados do Grupo: o III Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade e III A Noite do Patrimonio, que se celebrará en setembro de maneira simultánea nas 15 cidades.

A ruta das Cidades Patrimonio da Humanidade en Fitur
O Grupo Cidades Patrimonio, en colaboración con Paradores, organizou, por sexto ano consecutivo, a campaña "A Ruta das Cidades Patrimonio da Humanidade en FITUR 2020", que terá lugar do 22 ao 26 de xaneiro.

A promoción consiste nun concurso no que poderá participar o público asistente a FITUR, que deberá percorrer todas as casetas das Cidades Patrimonio da Humanidade na feira e solicitar aos técnicos que os atenden que estampen un selo acreditativo da visita no pasaporte que se facilitará en todos os mostradores das 15 cidades.
Os premios que poderá obter a persoa gañadora son: un bono con 3 pernoctacións que se poderá utilizar durante todo o ano nos Paradores das Cidades Patrimonio; agasallos, entradas a monumentos e visitas guiadas nas cidades e unha visita especial personalizada á colección permanente do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza de Madrid, museo co que o Grupo mantén un convenio de colaboración para promocións conxuntas.

O nome da persoa gañadora darase a coñecer ás 17 horas do domingo 26 de xaneiro nas redes sociais do Grupo. O obxectivo da campaña consiste en promocionar entre o público de FITUR as interesantes rutas que ofrecen as 15 Cidades do Grupo, asociadas aos establecementos de Paradores, como destinos que ofrecen unha combinación perfecta de patrimonio, cultura e lecer.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 e declarada de Utilidade Pública, cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural das 15 cidades que o compoñen, así promocionar a oferta turística dos seus destinos nos mercados nacionais e internacionais. Integran o Grupo as cidades españolas cuxos conxuntos históricos foron incluídos pola UNESCO na Lista do Patrimonio Mundial: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: