ALCALDÍA

A exposición "Deconstruír o franquismo" poderá verse na Alameda ata o 6 de febreiro

23/01/2020 O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e os voceiros dos grupos municipais do PP, Alejandro Sánchez-Brunete; de Compostela Aberta, Martiño Noriega; e do BNG, Goretti Sanmartín; asistiron hoxe á inauguración da exposición "Deconstruír o Franquismo en Santiago de Compostela", que se poderá ver no Paseo Central da Alameda ata o 6 de febreiro.

Na súa intervención, o rexedor destacou que mostras como esta son "imprescindibles" para recuperar a memoria e a idea do que realmente pasou durante a dictadura de Franco. E para, engadiu, "lembrar que non morreu, que só pasou e que pode volver repetirse aínda que de maneira distinta".

Para Sánchez Bugallo, é "abslutamente intolerable cando escoitamos determinadas afirmacións sobre un concepto descoñecido como a raza española", ou de rexeitamento cara as persoas diferentes. Por iso engade, "debemos armar á xuventude, á nosa sociedade, para que sexa consciente de a onde nos pode levar a intolerancia".

Organizada polo Grupo de Investigación HISTAGRA, da USC, e o EUROM «The European Observatory on Memories of the University of Barcelona’s Solidarity Foundation», a exposición itinerante "Deconstruir o franquismo" preséntase en Santiago como un espazo de reflexión sobre a simboloxía da ditadura, despois de pasar por outras cidades españolas, entre elas Pamplona e a capital catalana. A mostra inclúe pre-producións fotográficas de espazos e simboloxía franquista que perduran ou que foron esquecidos pola cidadanía de Compostela, e unha cartografía interactiva que trae ao espazo público os lugares de morte e enterramento en Galicia durante a guerra civil.

Trátase dun proxecto expositivo que ten por obxecto promover a reflexión pública ao redor das políticas de memoria respecto da simboloxía vinculada a un periodo pre e anti-democrático, cuxos valores foron impostos en todos os niveis mediante ferramentas de represión e control a nivel persoal, social, económico, político e simbólico.

Segundo explicou o alcalde, o concello de Santiago leva anos traballando na recúperación da memoria histórica, con cambios nos nomes das rúas, "quitando as referencias da represión e dos feitos que nos resultaban máis violentos e inaceptables e recuperando a través do rueiro o nome de persoas" vítimas da dictadura; recuperando os corpos e a memoria das vítimas da represión enterradas en Boisaca; lembrando o campo e concentración de Lavacolla; e recuperando os cadros e "a memoria dos alcaldes vitimas da represión e que representaron a democracia e a soberanía popular nos anos da Segunda República".

Sánchez Bugallo rematou a súa intervención asegurando que a democracia e a lei son paralelas. "Non hai democracia sen lei, e para que haxa unha lei xusta ten que haber democracia. Cando rompemos o marco, e como se se rompe un espello,ninguén sabe o que vai vir despois". Por iso, reflexionou o alcalde, "é moi necesario que a democraica avance e o faga a través da evolución e modificación da lei e non por fora dela".

Compartir: