URBANISMO

O Concello recibirá 6,4 millóns de euros e un bloque de vivendas sociais pola cesión de terreos no novo polígono das Cancelas

23/02/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, vén de asinar un convenio de colaboración co representante da empresa Nasozena, S.L, Juan Carlos Rodríguez Cebrián. O texto asinado en Raxoi establece a concreción do aproveitamento municipal no proxecto de compensación do SUNP-4 (Camiño Francés). En virtude do mesmo, o Concello percibirá case 6,4 millóns de euros e un bloque de vivendas colectivas protexidas.

O Concello de Santiago é propietario de varias parcelas de carácter patrimonial incluídas no polígono, cuxo plan de sectorización fora aprobado o 31 de marzo de 2005. A superficie neta computable achegada polo concello neste solo é de 18.164 metros cadrados. Grazas a este convenio, adxudícase aos copropietarios a participación indivisa municipal na parcela resultante de uso terciario (onde se construirá un gran centro comercial), polo prezo total de 3.701.901 euros.

Ademais, o Concello recibirá un dos catro bloques de vivendas que se prevé construír no polígono. En concreto, trátase do bloque tres, destinado a vivenda colectiva protexida, cunha superficie edificable total de 2.104,66 metros cadrados. O Concello recibirá este bloque libre de gastos de urbanización. "Estas vivendas, entre 20 e 22, dedicaranse a realoxos ou situacións de emerxencia social", apuntou o alcalde.

Finalmente, o restante aproveitamento que lle corresponde ao Concello en concepto de cesión substituirase polo pagamento de 2.672.381 euros. En total, as contrapestacións en metálico ascenden á cantidade de 6.374.282 euros, que se destinará aos fins legalmente previstos para o Patrimonio Municipal do Solo.

Ao respecto do novo centro comercial, Cebrián indicou que a previsión é que se poida inaugurar en sentembro ou outubro de 2008. Terá unha superficie de 54.000 metros cadrados e a súa construción suporá un investimento duns 16 millóns de euros. "Será o máis grande e bonito de Galicia", dixo sobre un centro comercial, do que destacou o seu proxecto arquitectónico e o "atractivo" aspecto visual que ofrecerá.

Documentos relacionados



Compartir: