PROXECTOS EUROPEOS

O Concello substituíu 2.558 puntos de luz graza ao programa de axudas do IDAE

17/01/2020 O Programa de Axudas para Actuacións de Reforma de Instalacións de Iluminación Exterior Municipal, posto en marcha polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), permitiu ao Concello de Santiago a reforma de 2.558 puntos de luz. O Goberno local beneficiouse da concesión dun préstamo reembolsable por importe de 1.465.164,18 € co que executou as catro fases destas actuacións de renovación de iluminación. Este programa está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo de Crecemento Sustentable 2014-2020.

A asistencia técnica para a redacción dos proxectos e a asistencia técnica para a supervisión e montaxe das instalacións adxudicouse á empresa Obradoiro Enxeñeiros SLP. A totalidade da intervención dividiuse en catro fases totalmente independentes entre si, de forma que se puidesen realizar simultaneamente, e así reducir o seu prazo de execución. As fases I e III adxudicáronse á empresa Ferrovial Servizos, e as fases II e IV adxudicáronse á empresa Cobra Instalacións e Servizos, SA.

Na fase 1 actuouse nos tramos rotonda de Vidán – Villestrexe, rotonda de Vidán, rotonda de Volta do Castro, Vos Tilos - rotonda do Castiñeiriño e Milladoiro - túnel do Hórreo. A fase II contou con intervencións nos tramos Ponte San Lázaro- Lavacolla, rotonda Lavacolla - autovía Lavacolla, Marrozos - rotonda Autoestrada de Ourense, O Eixo, Rosalía de Castro e rotonda Autoestrada de Ourense - túnel do Hórreo.

As reformas da fase III afectaron os tramos rotonda de Pontepedriña - rotonda do Sar, entrada túnel do Hórreo - avenida de Lugo por Hórreo, túnel do Hórreo - polígono do Tambre e acceso polígono do Tambre e rúa de Bernardo Barreiro. Finalmente, na fase IV actuouse nos tramos rotonda praza da Paz - rotonda praza de España, rotonda praza da Paz - San Lázaro, praza da Paz - O Pilar, rotonda do Castiñeiriño - rotonda de Pontepedriña, rotonda Hórreo - rotonda de Romero Donallo, polígono do Tambre - praza de España e praza de España – avenida de Lugo.

Máis de 1,2 millóns de investimento
O investimento total realizado ascende ao importe de 1.284.576,13 €, que permitiron reformar un total de 2.558 puntos de luz. O consumo das luminarias reformadas antes da reforma era de 2.606.459,01 KW/ h, equivalentes a 379.192,32 €. Tras o cambio dos puntos de luz, estímase que estes consumirán 757.484,17 KW/ h, equivalentes a 110.200,15 €.

A potencia instalada antes da reforma era de 706,79 KW e, tras a mesma, de 257,46 KW. Esta modificación da potencia estímase que xerará un aforro próximo aos 7.600 euros/ano.

O aforro anual total en KW/ h ascendería a 1.848.974,84 KW/ h, que representan un importe de 268.992,17 €. Sumada a cifra que se prevé reducir por diminución do termo de potencia, o aforro total despois da reforma calcúlase en 276.592,17 €/ano. Dado que o investimento realizado foi de 1.284.576,13 €, o período de retorno do investimento sitúase en 4,64 anos .

Programa de Axudas do IDAE
O Programa de Axudas para a Renovación das Instalacións de Iluminación Exterior Municipal enmárcase dentro do Plan Nacional de Acción de Eficiencia Enerxética, como unha medida dirixida exclusivamente ao sector dos servizos públicos, na súa vertente de iluminación exterior municipal.

Entre as medidas de aforro e eficiencia enerxética que se poden aplicar atópase a substitución das lámpadas por outras de maior eficiencia lumínica, a mellora da calidade reflectora e direccional da luminaria ou a implantación de sistemas de regulación do fluxo lumínico dos puntos de luz e dos acesos e apagados, permitindo a súa variación ao longo da noite en función das necesidades, reducindo así a emisión de luz cara a outros espazos alleos ao obxecto da iluminación (contaminación lumínica).

O Concello de Santiago de Compostela presentou ao IDAE unha solicitude para a súa inclusión na convocatoria de axudas para a renovación das instalacións de iluminación exterior municipais, segundo as bases establecidas para o mesmo na Resolución do 28 de abril de 2.015.

A axuda concedida polo IDAE consistiu na concesión dun préstamo reembolsable por importe de 1.465.164,18 €. O Concello procedeu á aceptación do préstamo na Xunta de Goberno Local do 13 de xaneiro de 2.017.

Documentos relacionados



Compartir: