ALCALDÍA

O alcalde destaca a calidade do ensino impartido no Xelmírez I na inauguración dos actos do 175 aniversario do centro

17/01/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu hoxe á inauguración dos actos do 175 anos aniversario do IES Xelmírez I. O rexedor destacou a vinculación da historia deste instituto coa historia de Compostela e a calidade do ensino impartido dende que se creou. Tamén incidiu na importancia de "formar as persoas en valores, en compromisos co idioma e coa cultura, en valores que nos permiten –sinalou- manternos ao longo da vida nun mundo en permanente cambio".

O acto celebrouse no Auditorio do IES Xelmírez I, e nel tamén interviron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o director do centro, Manuel Portas, e a profesora Mª Xesús Marcareñas. Tamén estaban presentes as concelleiras de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a de Educación, Noa Díaz; Alejandro Sánchez Brunete e María Antón, en representación do PP local; Martiño Noriega e Branca Novoneyra por Compostela Aberta; a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín; e a conselleira de Cultura, Carmen Pomar.

O Xelmírez creouse en 1845. Foi inicialmente situado no Pazo de San Xerome, na praza do Obradoiro e, no ano 1847, trasladase á praza de Mazarelos. No ano 1965 trasladouse a San Caetano e, en decembro de 1984, pasa a ocupar o edificio actual, no Campus universitario.

É un dos poucos institutos históricos que existen en Galicia e conta cun interesante arquivo histórico. Dende 1845, son moitas as xeracións de galegos e galegas que recibiron formación nas súas aulas. Destacadas figuras como Castelao, Manuel Antonio, Valle-Inclán, Eugenio Granell ou Isaac Díaz Pardo foron algúns dos seus estudantes.

Para festexar esta efeméride do 175 aniversario, a dirección do centro preparou unha serie de actividades, como exposicións, encontros do alumnado con organismos internacionais como o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), xornadas dos clubs de ciencias ou sobre a lingua no ensino, eventos especiais cos centros europeos cos que o Xelmírez mantén relacións de intercambio, representacións teatrais, conmemoración dos 25 anos do grupo de teatro do centro "Vai no Dentista", actividades lúdicas, actuacións musicais, celebracións deportivas, realización de documentais sobre o centro, actividades de coidado do río Sarela, edición especial dos premios de ensaio subversivo Guillermo Domínguez e AXI de banda deseñada...

Compartir: