ALCALDÍA

O alcalde avanza que o orzamento para 2020 ascenderá a 117 millóns de euros, cun "incremento notable en investimentos e políticas sociais"

10/01/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que o Goberno municipal xa ten elaborados os orzamentos, que ascenderán a 117 millóns de euros e que estes conterán "un incremento notable en investimentos e políticas sociais". Agora, dixo, iniciouse a rolda de contactos cos grupos municipais para "explorar acordos para a súa tramitación".

Segundo avanzou o rexedor municipal, este mesmo venres se están a manter "contactos preliminares" e que "o resto do mes dedicarémolo ás negociacións e constataremos se hai posibilidades de avanzar". En caso contrario, explicou, "tomaremos a decisión máis conveniente para a cidade e para sacar adiante os orzamentos".

"Nós estamos en condicións de levar os orzamentos ao pleno ordinario deste mes de xaneiro ou a un extraordinario a principios de febreiro, pero non de garantir a súa aprobación", indicou o alcalde, en referencia a que a data dependerá das negociacións cos diferentes grupos municipais.

En calquera caso, dixo, "non imos pospoñer a aprobación máis alá de febreiro". Lembrou que existen dúas vías para a aprobación: a abstención ou voto favorable de PP ou CA, ou vinculala a unha moción de confianza no caso de non obter estes votos favorables ou abstencións. Con todo, insistiu en que "esgotaremos as posibilidades de acordo".

Contactos co novo Goberno
Outra das cuestión sobre as que falou o alcalde foi a configuración do novo Goberno do Estado. Afirmou sentir "certa sensación de alivio" polo feito de que xa haxa "un Goberno en plenitude de facultades. Indicou que estará atento á designación de ministros para avanzar nos diferentes temas pendentes para a cidade, como a eliminación da cláusula suspensiva dos 3,5 millóns de pasaxeiros para a estación do AVE, a propia licitación da estación (cuxo proxecto definitivo xa foi aprobado por Adif, o Orbitaliño, a EDAR, o Xacobeo 2021 ou a reunión do Real Padroado.

Unha vez que se dean a coñecer os titulares dos diferentes ministerios, dixo, solicitaranse reunións cos mesmos. Con todo, afirmou ter indicios "tranquilizadores" en canto aos citados proxectos para a cidade.

Pisos turísticos
En relación a outro tema, o das vivendas turísticas, anunciou que en vindeiros días se constituirá a comisión técnica e política entre Concello e Xunta para avanzar na coordinación nesta materia. Por parte do Goberno autonómico participará a directora xeral de Turismo, Nava Castro, e por parte municipal os concelleiros de Turismo, Sindo Guinarte, e de Urbanismo, Mercedes Rosón.

Indicou que existe o compromiso da Xunta de non outorgar máis autorizacións unha vez que xa entrou en vigor a suspensión cautelar dos pisos turísticos decretada polo Concello, e que se seguirá traballando na tramitación da modificación do PXOM, un procedemento "máis lento, farragoso e complexo", pero que "outorga maior seguridade xurídica". Corresponderá ao Goberno autonómico, lembrou, a tramitación turística, establecendo "un sistema de supervisión e control máis efectivo".

Balance do Nadal
O alcalde aproveitou tamén a rolda de prensa para facer balance da programación de Nadal, amosando unha "razoable satisfacción" polo "magnífico ambiente". En particular, referiuse ás "máis de 5.000 persoas que participaron no Obradoiro na festa de fin de ano" e ao "éxito" da Cabalgata de Reis. Tamén destacou o "bo funcionamento" do Mercado de Nadal de Carreira do Conde e do Mercado da Estrela e as opinións "maioritariamente boas" sobre o alumeado.

Compartir: