ALCALDÍA

O Concello recorrerá ante o Supremo a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid sobre as estatuas do Mestre Mateo

03/01/2020 Así o anunciou hoxe o alcalde da cidade tras falar co director da asesoría xurídica, Manuel Cutrín, e o avogado que está a representar ao Concello de Santiago neste proceso, Xaquín Monteagudo. A entidade municipal interporá antes do 20 de xaneiro, data na que remata o prazo, un recurso de casación ante o Tribunal Supremo ao considerar que hai "causa e caso".

O rexedor compostelán puxo de manifesto a completa discrepancia coa argumentación da Audiencia Provincial de Madrid na que non se considera probado que as estatuas que reclama o Concello e as que ten a familia Franco sexan as mesmas. "Sorprendente", en verbas de Sánchez Bugallo, "porque a propia familia en ningún momento o pon en cuestión, é máis, recoñéceno expresamente". Segundo o rexedor "houbo un proceso de apropiación ilexítimo e ilegal desas esculturas e un proceso posterior de blanqueamento da apropiación destes bens", dos que si se acreditou que foron adquiridos polo Concello en 1948 por 60.000 pesetas.

Bugallo quixo agradecer especialmente a Xaquín Monteagudo o traballo realizado xa que permitiu atopar este e outros datos que indican que estamos ante "un ben público que ten que estar á disposición do público".

"A nosa obriga ética e moral é defender o que é patrimonio de todos os cidadáns e cidadás de Compostela e, ademáis, patrimonio da Humanidade". Polo tanto, procederase a interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo xa que "entendemos que a resolución da Audiencia Provincial de Madrid é lesiva para o interese público".

Compartir: