ALCALDÍA

Sánchez Bugallo amosa a súa satisfacción pola licitación do Orbital

03/01/2020 O Consello de Ministros vén de dar luz verde á licitación do contrato de obras da nova ligazón Orbital de Santiago de Compostela entre a AP-9 (PK 64+500) coa A-54 (ligazón de San Marcos PK 91) e o aeroporto de Lavacolla.

Segundo indica o Ministerio de Fomento, o obxecto desta actuación é definir unha nova conexión da autoestrada AP-9 coa Autovía A-54 (Lugo-Santiago), o aeroporto de Lavacolla e os polígonos industriais e comerciais do norte da cidade de Santiago (Tambre e Costa Vella), con todos os movementos posibles.

O rexedor compostelán congratulouse do paso dado neste primeiro Consello de Ministros do ano e amosou a súa satisfacción polo inicio dunha actuación que mellorará notablemente a conectividade da cidade, o aeroporto e os polígonos industriais, á vez que suporá unha importante descarga da presión que actualmente ten o enlace de San Lázaro.

Non obstante, Sánchez Bugallo incidiu en que esta actuación deberá ser complementada co coñecido como Orbitaliño, que permitirá a conexión coa N 550 Santiago - A Coruña, cuxo proxecto está en redacción e se prevé que saia a exposición pública no primeiro semestre do ano. O rexedor agarda que a licitación se produza ao longo de 2020 e que así ambas actuacións se poidan completar ao tempo, "co cal quedaría conectada a estrada nacional Santiago - A Coruña, todos os polígonos industriais, a autoestrada e a autovía de Lavacolla", engadiu. Estas obras, indicou Bugallo, "son o complemento imprescindible da actuación realizada na autoestrada Santiago Norte – Santiago Sur".

Características técnicas
As obras consistirán na construción dunha nova ligazón no PK 64+500 da AP-9, resolto mediante unha glorieta superior sobre o tronco da autoestrada AP-9 e catro novos ramais.

A ligazón Orbital conectarase de forma directa mediante un novo viario con sección de autovía (dous carrís por sentido con mediana) de 800 m de lonxitude, coa actual ligazón de San Marcos da A-54 (PK 91).

Así mesmo, executarase un novo carril de trenzado (PK 66) entre os vehículos que se incorporan sentido A Coruña ao tronco desde a ligazón Santiago Norte, cos vehículos que saen desde a AP-9 cara á ligazón Orbital.

Esta nova ligazón permitirá desconxestionar tráficos da actual ligazón de Santiago Norte (PK 67) da AP-9 en horas punta, onde conflúen tanto os tráficos que se dirixen cara ao centro cidade como os xerados polos polígonos industriais antes citados. Desta forma os tráficos cara aos polígonos pasarán a encamiñarse preferentemente a través da nova ligazón Orbital.

Finalmente, a nova ligazón Orbital completará as conexións entre a AP-9 e o aeroporto internacional de Lavacolla.

Rehabilitación do firme no periférico
Na mesma sesión do Consello de Ministros licitouse o contrato de obras para acometer traballos de rehabilitación e repintado do firme do periférico de Santiago de Compostela, SC-20, entre o Polígono do Tambre e a glorieta de Milladoiro. O orzamento de licitación do contrato é de 241.903 euros.

O proxecto prevé efectuar unha reparación do firme nos tramos en peor estado mediante fresado e posterior reposición do mesmo, para logo mellorar a capa de rodaxe do firme na totalidade do tramo de SC-20 entre o Polígono do Tambre (pk 0+000) e Milladoiro (pk 10+350), ademais de incluír o repintado final das marcas viarias das calzadas do tronco.

Esta actuación será completada polo Concello co rebacheo nas vías de titularidade municipal que máis o necesiten, despois dun outono de intensas chuvias.

Compartir: